O presidente de Aragón convoca eleccións ante a crise do Goberno
As diferenzas sobre os orzamentos entre o presidente do Goberno de Aragón, Jorge Azcón (PP), e o portavoz de Vox nas Cortes autonómicas, Alejandro Nolasco, remataron co anuncio da convocatoria de eleccións adiantadas que poderían decorrer o 8 de febreiro.
Azcón anunciara no seu día que se non alcanzaba un acordo convocaría eleccións anticipadas. A pasada segunda feira mantivo xuntanzas cos portavoces do PSOE, Vox, Teruel Existe, PAR e Podemos, manifestándose a favor do orzamento unicamente o deputado do PAR, Alberto Izquierdo, mentres que o PSOE ofreceu un acordo que Azcón rexeitou, Aragón-Teruel Existe mostrouse crítico e Podemos descartou calquera acordo.
Após gañar as eleccións autonómicas en 2023, Azcón coaligouse con Vox sumando 35 escanos do total de 67 da Cámara aragonesa, en aplicación dun acordo que un ano despois Vox considerou crebado, pol acollida de menores migrantes.
Díaz exixe a Sánchez “reformular o Goberno”
A nivel estatal, a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, reclamou onte ao presidente, Pedro Sánchez, que acometa un "cambio profundo no Goberno" e que actúe xa con medidas anticorrupción. A vicepresidenta e ministra de Traballo recalcou que non lle compete a ela decidir se ten que haber eleccións anticipadas, mais insistiu en que o Executivo "ten que ser reformulado en profundidade".
Fontes da Moncloa, pola contra, descartan os cambios no Goberno porque “non hai ministros implicados en casos de corrupción”. Así, trasladan que non haberá crise de Goberno, unha prerrogativa exclusiva do presidente Sánchez.
