O xuízo aos soberanistas é inminente

A presa política Dolors Bassa: "Non podemos deixar caer Sánchez, a alternativa é moito peor"

Mestra, sindicalista, concelleira de ERC entre 2007 e 2011, consellera de Traballo, Asuntos Sociais e Familias do Govern de Carles Puigdemont (2016-207) após ser eleita deputada nas listas de Junts pel Si nas autonómicas de decembro de 2015, Dolors Bassa foi encarcerada en novembro de 2017 por unha orde da xuíz Carmen Lamela.

Continúa o debate no seo do soberanismo catalán sobre que movimentos favorecer no taboleiro estatal. A última voz en se pronunciar é a da presa política Dolors Bassa, de ERC, partido que adire a liña neste momento máis pactista dentro das filas independentistas.

 

Nunha entrevista na Rac-1 —a emisora líder en Catalunya, propiedade do grupo de La Vanguardia—, Bassa expresou unha posición ambivalente en relación ao proxecto de orzamentos do Goberno Sánchez visando en último termo o obxectivo de non abocar o titular do executivo español a convocar eleccións anticipadas.

 

"A tal hora un non rotuno aos orzamentos non o diría, mais tampouco estou por aprobalos. Non podemos deixar caer o goberno de Pedro Sánchez. A alternativa a tombar este goberno é moito peor, con PP, Cs e a extrema dereita. Se os queren aprobar, que fagan un aceno. O que sexa, pero que o fagan", dixo.

 

Na entrevista Bassa afirma que ten indicios de que o xuízo aos presos indepentistas —enfrontan cargos por rebelión, sedición e malversación de fondos públicos— vai comezar antes do 6 de febreiro, pois que lle consta que testemuñas da acusación xa foron citadas a declarar.