O pacto ten que ser ratificado pola militancia da CUP

Preacordo de ERC e CUP para a investidura

Pere Aragonès nunha rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

Coa sesión de investidura marcada para esta sexta feira aínda está pendente o acordo con JxCat, que continúa as negociacións con ERC e é imprescindíbel para investir como presidente a Pere Aragonès.

A CUP debate mañá nunha asemblea telemática se aproba a proposta de acordo con ERC e apoia a investidura de Pere Aragonès como 132 president da Generalitat de Catalunya, despois do pacto do domingo entre as direccións de ERC e CUP.

O acordo de 11 puntos entre as formacións independentistas, negociado nas últimas semanas polas comisións sectoriais dos dous partidos, desenvolve un marco para a lexislatura na que inclúe accións concretas para reverter as principais problemáticas sociais que afectan Catalunya.

Banca pública

En materia de vivenda consensuouse a aprobación dunha lei catalá para o alugueiro, amais dun orzamento de 1000 millóns de euros anuais para ofertar cada ano 5000 vivendas máis en réxime de protección, que se engadirían ao 30% de vivendas propiedade da Sareb que se pretende recuperar para vivendas sociais.

O texto tamén contempla unha proba piloto de Renda Básica Universal, a creación dun banco e dunha empresa eléctrica de carácter público; así como un incremento da dedicación orzamentaria en sanidade, que incida na mellora das condicións laborais das profesionais e permita converter a Atención Primaria e Comunitaria “na base e centralidade do sistema sanitario”.

No referente ao conflito co Estado, tanto ERC como as CUP comprométense a “xerar as condicións para programar un novo embate democrático, pola vía que o conxunto do independentismo valore como a máis acaída”.

Aínda coa aprobación deste acordo, segue no aire o resultado da sesión de investidura da mañá desta sexta feira pola incógnita do voto de JxCat, que mantén a negociación aberta con ERC.