Un debate en Catalunya para gañar o voto dun millón de persoas indecisas

A TV3 centra a campaña catalá a cinco días da celebración das eleccións
De esquerda a dereita, Garriga, Fernández, Albiach, Aragonès, Carrizosa, Chacón, Sabater e Borràs, antes do debate na TV3. (Foto: Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita, Garriga, Fernández, Albiach, Aragonès, Carrizosa, Chacón, Sabater e Borràs, antes do debate na TV3. (Foto: Europa Press)

O tempo de campaña remata pero aínda fican un millón de persoas indecisas por convencer. As dúbidas están esencialmente dentro do bloque independentista, sendo a formación política cunha bolsa máis alta ERC. Segundo as sondaxes publicadas o pasado domingo, o 33% do electorado deste partido dubida entre o seu candidato Pere Aragonès e a proposta de Junts per Catalunya, Laura Borràs. Nunha porcentaxe menor, tamén hai disputa importante coa CUP, se ben neste caso a maior cantidade de votantes está en litixio con Junts. Outro tanto acontece no bloque españolista, con Ciudadanos desangrándose en beneficio do PSC e de Vox e con moitos votantes tradicionais do PP optando pola formación ultraespañolista, que atendendo á maioría das enquisas tería superado os populares.

O debate decorrido na segunda feira na televisión pública catalá era chave nesta contenda. Ao mesmo acudiron catro mulleres, Laura Borràs, de Junts per Catalunya; Jèssica Albiach, de En Comú Podem; Dolors Sabater, da CUP, e Àngels Chacón, do PDeCAT, e cinco homes, Pere Aragonès, de ERC; Salvador Illa, do PSC; Carlos Carrizosa, de Ciudadanos; Alejandro Fernández, do PP; Ignacio Garriga de Vox, alén do moderador, Vicent Sanchis. O debate librouse nun plano por arriba, entre Borràs, Aragonès e Illa, os tres candidatos con posibilidades de gañar os comicios, e noutro nivel por abaixo, onde as outras formacións aparecen nas enquisas situadas a escasa distancia, agás o PdeCAT, que a totalidade das sondaxes sitúan sen representación.

Os candidatos con aspiracións a liderar o vindeiro Goberno apostaron por non arriscar. Así, Borràs, cuxa presenza nos medios públicos está moi limitada polas restricións impostas pola Xunta Electoral Central a Junts per Catalunya, deu o golpe de efecto da noite ao anunciar que no caso de resultar elixida presidenta nomeará como conselleiro de Sanidade Josep Maria Argimon, o actual secretario de Saúde Pública e cuxa xestión na loita contra a pandemia é moi ben valorada pola cidadanía catalá. Ao tempo, Borràs puxo en valor que Catalunya contase por primeira vez na súa historia cunha presidenta, algo que enfureceu as candidatas Jéssica Albiach e Ángels Chacón, quen reprocharon que fose “candidata baixo a tutela” de Puigdemont.

Aragonès botou man das súas táboas, defendeu a xestión do seu Goberno e buscou constantemente un cara a cara co PSC. “Entre o PSOE e Catalunya sempre escollen o PSOE", dixo a Illa, a quen afeou descoñecer a realidade do país, como maneira de pór en valor a súa bagaxe como vicepresidente nun contexto de crise económica e social.

O candidato de ERC sentiuse cómodo cando os seus rivais o colocaron no centro do escenario político e destacou que só a súa formación é capaz de tecer un espectro amplo de alianzas desde a CUP até En Comú Podem. Aínda que obviou responder as dúbidas deslizadas por Borràs sobre un posíbel pacto co PSC, este argumento está a lle facer moito dano ao longo da campaña entre as bases independentistas.

Illa non conseguiu nesta ocasión a centralidade lograda no debate da TVE. O candidato socialista adoptou un estilo presidencial e centrouse en enumerar as propostas do seu programa en cada unha das áreas cun forte pouso institucional herdado da súa etapa ministerial. Porén, viuse obrigado a baixar ao corpo a corpo en diferentes ocasións e a sinalar premido por Aragonès que non ía aceptar os votos de Vox para gobernar “nin por activa nin por pasiva nin por perifrástica”.

Laura Borràs, á cabeza

A prohibición de publicar enquisas no Estado español sobre o proceso catalán non impide que se estean divulgando noutros lugares da Unión Europea. Así, o diario escocés The National está publicando diariamente un tracking da empresa Feedback que na súa edición de hoxe coloca na cabeza a Laura Borràs con 34 escanos, seguida de ERC e PSC con 30.

Comentarios