O PPM pedirá á Xustiza portuguesa que impida o uso da sigla AD, que aspiran a seguir utilizando PSD e CDS
O Partido Popular Monárquico (PPM) de Portugal fixo público a quinta feira que se a comezos da vindeira semana o Partido Social Democrata (PSD) e o CDS-Partido Popular, cos que se presentou ás eleccións de 2024 na coalición conservadora Aliança Democrática (AD), seguen a utilizar "o nome" nas súas páxinas e sitios en internet “solicitará unha medida provisoria” para evitalo.
“O PSD e o CDS non son AD. Son outra cousa e xa foran outras cousas ao longo do tempo. A AD é a coalición PSD, CDS, PPM”, ratificou un comunicado asinado por Paulo Estêvão, o seu secretario xeral.
Despois da primeira etapa da coalición entre 1979 e 1983, foi recuperada en 2024 e durou até antonte, cando o PPM decidiu marchar por unha disputa sobre a confección das listas electorais, nas que o PSD rexeitou outorgarlle un posto co que tivesen opcións reais de entrar na Assembleia, despois de ficar fóra o pasado ano.
O secretario xeral do PSD, Hugo Soares, deixara entrever que, aínda que mudará o nome, manterán a sigla, reiterando que “non hai nada” que o impida desde o “punto de vista legal, formal e constitucional” e anunciando que o nome definitivo será presentado nas vindeiras xornadas.
Montenegro, candidato de novo
Nesta liña, o Conselho Nacional do PSD ratificou antonte o primeiro ministro en funcións, Luís Montenegro, como candidato á reelección nos comicios lexislativos adiantados do 18 de maio, após non superar o seu Executivo co CDS unha moción de confianza.
Nesa sesión tamén aprobaron volver ir en coalición no continente e na Madeira, e, só no caso dos Açores, tamén co PPM.