O PP de Toledo vota en contra dunha rúa a Mandela para manter a do '18 de Julio'

Con todo, como a maioría absoluta neste consistorio non a ten a formación conservadora, a iniciativa para mudar o rueiro e, de paso, retirar del unha vía que conmemora 40 anos de ditadura fascista, saíu adiante cos votos de IU e PSOE


O pleno do concello español de Toledo vén de aprobar unha mudanza no rueiro da cidade para reemprazar o nome da rúa '18 de Xullo' polo de 'Nelson Mandela'. A primeira conmemora o levantamento militar fascista que se produciu en 1936 e do que esta quinta feira se cumpriron 77 anos.

A segunda suporá un recoñecemento ao que foi presidente de Sudáfrica, líder do movemento anti-apartheid e premio Nóbel da Paz, que naceu na mesma data unhas décadas antes e que na quinta fixo 95 anos. Por que esta información merece ser contada?

Porque no pleno de Toledo o PP votou en contra de lle mudar o nome á rúa que conmemora o inicio de 40 anos de ditadura fascista no Estado español.

A formación que está a mover polos concellos da Galiza mocións en que pide a condena "do terrorismo" non condenou aínda o franquismo e opúxose a que do rueiro da cidade española desapareza unha das vías dedicadas á ditadura, pois moi perto da '18 de Xullo' está a rúa 'da División Azul'. Así que a iniciativa, presentada polo grupo municipal de Izquierda Unida, saíu adiante co voto a favor do PSOE, que conta coa maioría no consistorio. 

Comentarios