O PP racha o Goberno en Castela e León e anticipa as eleccións

Alfonso Fernández Mañueco. (Foto: Photogenic / Claudia Alba / Europa Press)
Os comicios decorrerán o vindeiro 13 de febreiro en Castela e León, despois do adianto electoral impulsado polo PP, que procura absorber a representación de Ciudadanos do mesmo xeito que aconteceu na Comunidade de Madrid.

Á mañá desta segunda feira, o presidente da Xunta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco (Partido Popular), facía pública a disolución do parlamento e expulsaba do seu Executivo as catro conselleiras e conselleiros de Ciudadanos, incluído o vicepresidente Francisco Igea, co que gobernaba en coalición desde 2019.

Os comicios decorrerán o vindeiro 13 de febreiro e o 10 de marzo constituirase o novo lexislativo. No que atinxe á campaña electoral, desenvolverase do 28 de xaneiro ao 11 de febreiro de 2022.

Mañueco xustificou a decisión na “falta de lealdade dos socios de Ciudadanos, traizoáronnos ao pactar os orzamentos ás nosas costas”, incidiu na rolda de prensa, resolvendo que “con esta deslealdade rachan o pacto de Goberno”.

Agás a consellaría de Sanidade, que ocupará Alejandro Vázquez Ramos, o resto de departamentos que dirixía a forza minoritaria serán asumidos por outros integrantes do gabinete.

O até o de agora vicepresidente coñeceu a convocatoria electoral durante unha entrevista en Onda Cero, onde cuestionou que se “desmantele” a Consellaría de Sanidade durante a sexta onda da Covid-19 e revelou que Mañueco lle repetira “en público e en privado que esgotaría a lexislatura”.

Pola súa banda, a ministra de Xustiza, Pilar Llop (PSOE), subliñou que a decisión é unha “irresponsabilidade”, esgrimindo que está motivada polo intento do PP de evitar o custe electoral das causas xudiciais por corrupción contra cargos da formación na rexión que se xulgarán proximamente.

Desde Izquierda Unida, a covoceira federal, Sira Rego, criticou o presidente por antepor intereses “electoralistas e partidistas” diante dos da cidadanía, e adiantou que vai impulsar unha candidatura de unidade da esquerda, abríndose á posibilidade de dialogar cos colectivos sociais contra o despoboamento.

Ciudadanos á beira de quedar sen representación

As enquisas publicadas nas últimas semanas antes de coñecerse o adianto electoral colocaban o PP perto da maioría absoluta. De non conseguila terían que pactar con Vox.

Como xa aconteceu na Comunidade de Madrid, Ciudadanos atópase no limiar da representación nas Cortes rexionais, polo que podería perder a súa representación, que o PP aspira a absorber.

Andalucía

Outro dos lugares do Estado español que están pendentes da posibilidade dun adianto electoral é Andalucía, cunha situación semellante. Porén, as autoridades territoriais negaron esta posibilidade.