Portugal íllase para conter a repunta da Covid-19

Tranvía en Lisboa (Imaxe: Pedro Fiuza).

Do domingo 31 de xaneiro ao 14 de febreiro, Portugal fechará a fronteira terrestre coa Galiza e co Estado español e limitará as saídas por mar e aire cara a outros países.

“A situação é muito grave”. Así se pronunciaba na tarde de onte a ministra da Presidencia de Portugal, Mariana Vieira da Silva, cando deu conta do endurecemento nas restricións para tratar de conter a escalada de casos de coronavirus. O Goberno decidiu acrecentar as medidas que limitan a circulación de persoas como a prohibición de saída do país, o control de fronteiras e voos. Ademais, prolónganse o fechamento de escolas e a volta ao ensino en liña até, cando menos, o 8 de febreiro.

Por outra banda, o Goberno anunciou a contratación de máis profesionais da saúde, a quen lles promete unha mellor remuneración.

O presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, suxeriu na noite de onte, após coñecer as novas restricións, un confinamento prolongado: “O que fizermos todos até Março, inclusive, determinará o que vão ser a Primavera, o Verão e, quem sabe, o Outono”. Este, dixo, “é o momento mais difícil da pandemia”.

Portugal é o sexto país da UE en anunciar o fechamento das súas fronteiras, após Dinamarca (do 12 de novembro ao 11 de maio); Hungría (do 30 de decembro ao 1 de marzo), Austria (do 9 de xaneiro ao 7 de febreiro), Finlandia (do 11 de xaneiro ao 25 de febreiro) e Bélxica (do 27 de xaneiro ao 5 de febreiro). Ademais, Noruega, país membro do espazo Schengen, ten as fronteiras fechadas do 12 de novembro ao 9 de febreiro.

Á cabeza en mortes

A avaliación semanal do Centro Europeo de Control de Doenzas que analiza a pandemia en 30 país sitúa Portugal no primeiro lugar a respecto da taxa de novos casos por 100.000 habitantes e de falecementos por millóns de habitantes, no período de 14 días equivalentes á segunda e terceira semana do ano.

Portugal atinxe unha taxa de 1.429,43 novos casos deCovid-19 por 100.000 habitantes, e 247,55 óbitos por millón de habitantes no período analizado.

Cepa con orixe no Reino Unido

A presenza da nova variante do Reino Unido é xa  estimada en 50% na rexión de Lisboa e Vale do Tejo, segundo informou onte a ministra da Saúde, Marta Temido, no Parlamento. No país, calcúlase que a prevalencia desta variante sexa de cerca de 30%, de acordo co Instituto Nacional de Saúde Doutor Ricardo Jorge (Insa).