Portugal afronta novas eleccións logo de tombar a Assembleia o Goberno conservador
Por segunda vez desde a aprobación da actual Constitución, a Assembleia da República de Portugal rexeitou a terza feira de forma maioritaria unha moción de confianza, o que obriga o Goberno conservador de Partido Social Democrata (PSD) e CDS-Partido Popular a dimitir. Todo parece indicar que se convocarán as terceiras eleccións lexislativas en tres anos.
Só PSD, CDS e Iniciativa Liberal (IL) votaron a favor da moción, mentres que Partido Socialista (PS), Chega, Bloco de Esquerda (BE), Partido Comunista (PCP), Livre e Pessoas-Animais Natureza (PAN) fixérono en contra.
Despois de que poucas horas antes unha sondaxe de Aximage no Diário de Notícias revelara que 45% apunta o primeiro ministro Luís Montenegro (PSD) como responsábel da crise, con 63% asegurando que as explicacións sobre a empresa familiar Spinumviva foron insuficientes e o PS superando a Aliança Democrática (PSD, CDS e Partido Popular Monárquico) en intención de voto, Montenegro insistiu na Cámara en que ficaba pendente de saber se os “socialistas se unen coa extrema dereita [do Chega] para derrubar un Goberno democrático”, subliñando que “estou dispoñíbel para suspender esta sesión se Pedro Nuno Santos [secretario xeral do PS] di que información precisa” para considerar o asunto “aclarado”.
“O primeiro ministro montou este teatro, arrastrou o seu partido e o Goberno e agora quer arrastrar o país”, respondeulle Santos, que fixo fincapé en que “o único obxectivo é ir a eleccións antes da comisión de investigación parlamentaria” impulsada pola formación. Nese sentido, indicou que a “solución” era que retirara a moción de confianza e aceptara a comisión.
Pola súa parte, André Ventura, presidente do Chega, atacou o primeiro ministro por rexeitar a “posibilidade de construír unha maioría histórica”, en alusión á demanda da ultradereita de entrar no Executivo, o que lle tería garantido a absoluta.
A sesión estivo marcada polos intercambios entre PSD e PS. O primeiro, que xa ofrecera retirar a moción se o PS retiraba a solicitude dunha comisión de inquérito, chegou a pedir a suspensión do debate durante media hora para que Montenegro se reunise con Santos, o que o segundo non aceptou: “Os esclarecementos teñen que ser en público”.
Nese momento, o ministro dos Assuntos Parlamentares, Pedro Duarte, propuxo ao PS unha comisión de investigación mais que presentara os resultados en 15 días, garantindo que darían marcha atrás na moción de confianza no caso de aceptar, algo que tamén descartou Santos, e á última hora e xusto antes da votación a sesión foi suspendida unha hora a petición do CDS, tempo no que a prensa local confirmou que se produciu unha nova oferta do Goberno ao PS cunha comisión de investigación até maio.
Aínda que a dimisión do Executivo non implica de forma automática a convocatoria de novos comicios, e o presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, podería dar unha oportunidade á conformación dun novo Gabinete, xa deixou entrever que procederá o antes posíbel en dirección a unhas eleccións que poderían decorrer o 11 ou o 18 de maio.
Conflito de intereses e ético
Miguel Ângelo Rodrigues, vicepresidente da Escola de Economia e Gestão e membro do Centro de Investigação em Ciência Política da Universidade do Minho, sinalou a Nós Diario que “Montenegro fixo unha pésima xestión da comunicación e do silencio, e utilizou unha técnica moi hábil en política que é falar de todo o que non é importante e reservarse aquilo que verdadeiramente importa” nun caso que supón “un potencial conflito de intereses e un conflito ético”.
Será unha “campaña sucia”, con “ataques persoais”, e na que Montenegro ou Santos se xogan o seu futuro. “Non creo que o líder do PS, se tivese unha segunda derrota consecutiva, sexa candidato” de novo, ratifica, matizando que o PS “ten marxe” para medrar na campaña.
Desbotando que haxa opcións de que algunha forza logre maioría absoluta, pormenoriza que, incluso de lograr a vitoria o PS, o que levaría Montenegro a abandonar, un novo liderado do PSD podería buscar unha coalición co Chega.
Pola contra, e se a composición da nova Assembleia fose semellante á actual, a investigadora académica de Economía Política e Vivenda da Universidade de Coimbra Rita Silva defendeu a este xornal que “aínda van tentar resistir a facer un pacto co Chega”, apostando porque manterán os intentos de pactar cuns ou outros segundo o caso, lembrando o desgaste da ultradereita polas polémicas que protagonizou nos últimos meses.
Silva sostén que a intención de Montenegro de ir ás urnas responde a que a apertura dunha comisión de investigación garante que “o desgaste vai ser cada vez maior”, nun intre no que o país padece “unha crise social que se agrava desde o punto de vista do acceso á vivenda, do nivel dos salarios e do custo da vida, coa desigualdade a aumentar brutalmente”.
No ámbito da vivenda, os conservadores anularon “practicamente todas as conquistas”, que chocaban cos “grandes intereses” a nivel inmobiliario, financeiro e turístico, “que dominan e economía” e “empobrecen cada vez máis o país”. “Hai unha cantidade enorme de deputados con empresas inmobiliarias”, resolve.
Spinumviva, o centro das sospeitas sobre Montenegro
Aínda sen a absoluta, o aval do PS semellaba até hai un mes garantir a estabilidade do Gabinete após a aprobación dos orzamentos deste ano. Nese momento fíxose pública a existencia de Spinumviva, a empresa creada en 2021 e da que en teoría Montenegro saíu en 2022 ao asumir o liderado do PSD, vendendo as accións á muller e fillos. Con todo, a transacción sería nula posto que a lexislación lusa veta as vendas de accións entre cónxuxes en réxime de gananciais.
A empresa cobraba como mínimo 9.000 euros mensuais por traballos xurídicos de clientes logrados cando Montenegro, avogado de profesión, ostentaba a xerencia, e seguiunos cobrando até o de agora a pesar de que na súa familia directa non hai máis titulados en Dereito.
A metade destes ingresos proviñan de Solverde, un grupo que opera casinos ao que Montenegro representou en negociacións co anterior Goberno, do PS, e que tiña pendente a renovación de concesións este ano, nunha decisión que ficaría nas mans dos conservadores.
Malia que isto motivou a presentación de dúas mocións de censura, unha do Chega e outra do PCP, que acabaron por fracasar, Montenegro ratificou a pasada semana a presentación dunha moción de confianza aínda que non contaba coa maioría precisa.