A Policía rexistra a sede do Partido Popular Europeo

Sala de prensa do grupo parlamentario do Partido Popular Europeo en Bruxelas. (Foto: Parlamento Europeo)
O rexistro forma parte dunha investigación aberta en Alemaña contra un líder rexional da CDU, Mario Voigt, acusado dun presunto delito de corrupción.

Axentes dos corpos policiais de Alemaña e Bélxica rexistraron na mañá desta terza feira as oficinas do Partido Popular Europeo —grupo no que está integrado o PP de Alberto Núñez Feixoo— en Bruxelas, no marco dunha investigación en curso por un presunto caso de corrupción na rexión alemá de Turinxia.

A propia formación conservadora confirmouno a través dun comunicado e asegurou que está a cooperar "con total transparencia" coas autoridades involucradas, "proporcionando toda a información e documentación relevante".

Desde o PPE avanzaron que non realizarán máis comentarios ao respecto mentres prosiga a citada investigación. Segundo trasladou a canle Euroactiv, os axentes incautaron ordenadores relacionados coas "irregularidades financeiras" que se están a investigar e que apuntan directamente ao líder da CDU no Parlamento de Turinxia, Mario Voigt, que desde o pasado ano está no foco da Fiscalía anticorrupción alemá por un suposto delito de corrupción en transaccións comerciais.

Voigt non é deputado na Eurocámara, mais si traballou man a man co partido durante a campaña electoral dos anteriores comicios, en 2019, nos que concorría como cabeza de lista o seu compatriota Manfred Weber, da CSU —socio da CDU en Baviera—.

Voigt reitera a súa inocencia e o avogado afirma que a investigación é "desproporcionada e exaxerada"

Previamente, en outubro, a Policía rexistrara a vivenda e negocios de Mario Voigt na procura de probas que o inculpasen, ao que o parlamentario respondeu defendendo a súa inocencia: "Non son culpábel de nada". O seu avogado tamén cualificou a investigación de "incomprensíbel, desproporcionada e exaxerada", mais iso non impediu que perdese, a petición do fiscal, a súa inmunidade como deputado.

Mario Voigt está acusado de contratar unha axencia en liña para a campaña electoral do PPE en 2019 a cambio da cobranza, polo concepto de "consultoría", dun importe de 17.000 euros.