A poboación da UE ve os Estados Unidos como socios necesarios e non como aliados

Ursula von der Leyen. (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA vía Europa Press)
17% das persoas alemás consideran Washington un rival

Máis persoas na Unión Europea (UE) perciben os Estados Unidos (EUA) como “un socio necesario co que debemos cooperar estratexicamente” que as que o ven como “un aliado que comparte os nosos intereses e valores”, revelou a cuarta feira un estudo demoscópico do Consello Europeo de Relacións Exteriores, non relacionado co bloque comunitario.

A enquisa, efectuada após a elección de Donald Trump como presidente estadounidense, inclúe as respostas de 18.507 persoas en 11 países da UE, ademais de Suíza, o Reino Unido e Ucraína.

É precisamente neste último país no que a visión de Washington como socio é máis preponderante, con 67%, mentres que na UE oscila entre o 57% do Estado español e o 45% de Francia, Alemaña e Polonia.

No tocante á percepción como aliado, Polonia, con 31%, marca a cifra máis alta no bloque comunitario, e Bulgaria (11%), a máis baixa. Este país conta co número máis elevado, 6%, de persoas que ven os EUA como “un adversario co que estamos en conflito”, o mesmo que Alemaña, na que ademais 17% considera o país americano como “un rival co que precisamos competir”, a cifra máis alta da sondaxe. 

Berlín leva dous anos en recesión e é o principal afectado polo aliñamento de Bruxelas cos EUA á hora de sancionar Rusia, armar Kíiv e frear unha saída negociada, cando menos até a chegada de Trump. 

Nese sentido, a maioría da UE cre que o conflito acabará cun acordo –igual que en Ucraína–, e só en Estonia (15%), Polonia (12%) e Portugal (10%) a posibilidade de que Kíiv gañe a guerra alcanza os dous díxitos.

En paralelo, en Bulgaria, Hungría e Italia hai máis xente que valora Rusia como un socio necesario que como un adversario.