Milleiros únense á folga xeral en Euskal Herria por un cambio de rumbo

Mobilización convocada pola Carta de Dereitos con motivo da folga xeral (Imaxe: LAB)

Milleiros participaron onte, quinta feira 30 de xaneiro, na folga xeral en Euskal Herria convocada pola Carta de Dereitos Sociais coas reivindicacións postas en traballo, pensións e condicións de vida dignas. 

Máis de 145.000 persoas, segundo as convocantes, participaron nas manifestacións decorridas en Euskadi e Nafarroa con motivo da folga xeral que tivo lugar onte, 30 de xaneiro, sob a convocatoria da Carta de Dereitos de Euskal Herria.

A transcorrida na cidade de Bilbo foi a mobilización máis grande, con 50.000 persoas clamando por un traballo, vidas e pensións dignas, tal e como rezaba o lema da greve. 

A mobilización decorreu presidida por un camión e máis por un tractor, simbolizando a unión dos distintos sectores dos que partiu a convocatoria, e que uniu baixo a Carta de Dereitos o movemento en defensa das pensións, os sindicatos vascos, o ambientalismo, o feminismo, as organizacións estudantís e outros sectores. As centrais UGT e CCOO non apoiaron a xornada de greve. 

Os sindicatos convocantes realizaron un balance positivo da cornada sinalando que no ensino público houbo paro total en 80% dos centros e que o seguimento no seu conxunto neste sector superou 60% de participación, mais criticaron que o Goberno vasco reducira estas cifras a 48%. Os sindicatos tamén cifraron en 10% a actividade nos campus universitarios.  En canto ao traballo público nos concellos, as centrais amosaron alegría ante o que cualificaron de "amplo seguimento" con 70% en Bilbo e máis de 60% en Getxo.

A televisión pública vasca, a ETB, practicamente só emitiu informativos debido aos servizos mínimos estabelecidos. 
En servizos privados, a Carta de Dereitos cifrou o paro por riba de 70% en comedores estatais, e case de 100% en limpeza viaria.
No ámbito da sanidade e do benestar os sindicatos criticaron os "excesivos" servizos mínimos impostos polo Goberno vasco.