Piden unha investigación independente sobre as causas da repentina morte de Morsi

A súa morte produciuse ao sufrir un colapso durante o xuízo ao que se viu submetido por supostamente espiar para Hamas. Mohamed Morsi, o primeiro presidente exipcio elexido por vías democráticas, foi deposto por un golpe de estado en 2013 protagonizado polo seu ministro de Defensa, Abdel Fattah al-Sisi, actualmente no poder.

Morsi
photo_camera Morsi, na súa época como presidente, nunha cimeira con Putin

Instalado no poder (acabaría referendando a súa presidencia nas urnas), Abdel Fattah al-Sisi desencadeou unha brutal campaña de represión contra a Irmandade Musulmá de Morsi, o que resultou no encarceramento de miles dos seus activistas, con centos deles a seren sentenciados a morte.

O falecimento de Morsi produciuse durante a celebración dun dos xuízos aos que tiña que facer fronte, desta volta pola súa suposta pertenza a unha rede de espionaxe de Hamas.

Organizacións non gobernamentais de dereitos humanos reclaman que se realice unha investigación independente [nas actuais condicións de Exipto iso é unha quimera] que rodearon o falecimento do presidente deposto, en tanto que o partido Liberdade e Xustiza —brazo político da Irmandade Musulmá—acusa o Goberno de Al-Sisi de ter provocado a morte de Morsi co seu isolamento na prisión, nunha sorte de "asasinato lento deliberado" .

"Retiráronlle a medicación e déronlle comida en más condicións. Non garantiron os seus dereitos humanos básicos", alega Liberdade e Xustiza.

O Goberno de Al-Sisi non ten feito ningunha valoración sobre o deceso de Morsi, mentres os seus medios amigos continúan a tildar de "grupo terrorista" a Irmandade Musulmá.

En marzo de 2018 un grupo de parlamentares británicos denunciaron que as deficientes condicións en que se achaba encarcerado Morsi non cumprían cos estándares internacionais e alertaron de que podían resultar nunha "morte prematura" do ex presidente.

Irán cualificou o falecimento de Morsi de "triste e infortunado" e Qatar e Turquía tamén lamentaron a desaparición do líder islámico.

 

 

Comentarios