Perto de 180 alumnas asasinadas nun bombardeo contra unha escola feminina no sur de Irán
O número de vítimas mortais polo ataque contra un colexio de nenas en Minab, no sur de Irán, continúa en aumento mentres as autoridades iranianas sinalan a Israel como responsábel, acusación que foi rexeitada polo Exército israelí. A comunidade internacional, incluída a UNESCO, expresou a súa condena polo sucedido.
O número de estudantes falecidas no bombardeo contra unha escola feminina en Minab, no sur de Irán, segue a medrar. Este domingo día 1 de marzo o Ministerio de Sanidade iraniano confirmaba que a cifra de vítimas mortais se elevou a perto de 180 nenas, tras o ataque ocorrido o sábado contra a escola primaria Sahayare Tayiba, situada na provincia de Hormozgán.
Ali Farhadi, voceiro do Ministerio de Educación iraniano, cualificou o feito como un "ataque inhumano" e atribuíu a responsabilidade a Israel en declaracións concedidas á axencia oficial IRNA. No seu pronunciamento, sostivo que "o réxime sionista, nun acto bárbaro e inhumano, atacou esta escola primaria de nenas con 264 alumnas en tres ocasións". Ademais, denunciou outro ataque «brutal» contra unha escola en Abek, na provincia de Qazvin, onde morreu un estudante.
As autoridades iranianas insistiron en sinalar a Israel como responsábel de ambos bombardeos. Porén, desde o Exército israelí negaron calquera participación. O portavoz militar Nadav Shoshani afirmou que as forzas armadas non teñen "coñecemento de ningún ataque israelí ou estadounidense nese lugar até o momento", aínda que asegurou que estaban "en condicións de facelo", e engadiu que o Exército se atopa "eliminando persoas que se encontran a máis de 1.500 quilómetros de distancia".
A UNESCO condena o ataque á escola en Irán
A entidade expresou estar "profundamente alarmada polo impacto que a actual escalada militar en Oriente Próximo ten sobre as institucións educativas, o alumnado e o persoal docente". Así mesmo, lembrou que os ataques contra centros educativos "poñen en perigo a estudantes e docentes e socavan o dereito á educación", e insistiu "na obriga de todas as partes de protexer as escolas, o alumnado e o persoal educativo".