Persoal de Emerxencias prepárase para acceder ao centro comercial de Bonaire, en València, cuxo aparcadoiro quedou anegado
Polo menos 50 efectivos, catro máquinas e un caiac están a traballar este domingo para extraer toda a auga que se acumulou no aparcadoiro do centro comercial Bonaire de València tras a DINA da pasada terza feira, que provocou máis de 200 mortes só no País Valencià.
Así o asegurou este domingo o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, durante unha comparecencia desde a Moncloa tras a reunión do Comité de crise para o seguimento dos efectos da DINA. "Con respecto ao centro comercial de Bonaire, nestes momentos hai 50 efectivos traballando. Están retirando auga e non podemos especular", afirmou.
O ministro pediu que non se especule arredor da cifra de falecidos e falecidas que poida haber no aparcadoiro deste recinto, e insistiu en que se descoñece cantos vehículos pode haber no seu interior.
"Nestes momentos o que hai que facer é seguir cos labores [de rescate] e non temos máis información que poidamos dar de cantos vehículos ou persoas pode haber no seu interior. Deixemos que sigan traballando como o están facendo", manifestou.
Persoal da Unidade Militar de Emerxencias (UME) traballa na zona con drons e buzos. Segundo a información transcendida até o momento, nos primeiros coches inspeccionados non se atoparon vítimas.
