O perigo do tritio (e do que non é tritio) que Xapón deitará ao mar desde Fukushima

Había alternativa, mais requirían máis diñeiro. O Goberno do Xapón finalmente optou pola "máis barata". Así o considera Greenpeace, organización que leva anos defendendo opcións diferentes ao vertido ao mar da auga usada en Fukushima para refrixerar os reactores danados no accidente nuclear do ano 2011.
EuropaPress_3079689_12_may_2020_south_korea_seoul_protestor_wearing_mask_depicting_japanese
photo_camera Protesta en Seúl, en maio de 2020, contra o vertido ao mar das augas da central nuclear de Fukushima (YNA / dpa)

O Xapón anunciou esta terza feira, 13 de abril, que en 2023 comezará a verter no mar máis dun millón de metros cúbicos de auga contaminada da planta de enerxía nuclear Fukushima Daiichi, destruída hai dez anos por un terremoto e o tsunami posterior, informou a axencia de noticias nipoa Kyodo

Desde hai dez anos até a actualidade, vénse acumulando esa auga. E desde a actualidade até dentro doutros dous, a compañía concesionaria, Tepco (Tokyo Electric Power Company), efectuará un proceso de filtrado para retirar os isótopos nocivos. É dicir, os isótopos radioactivos daniños para a saúde humana e ambiental no seu conxunto.

A oficina de prensa do Goberno xaponés, nos comunicados enviados ás axencias e aos grandes medios internacionais, incidiu nas palabras "filtrado" e "dilución", en tanto que solicitou non usar nas informacións a expresión "auga contaminada" para se referir á que acumula tras ser usada para refrixerar os reactores danados. Un termo que ─consideran─ induce ao erro.

Desde Greenpeace Xapón non o dubidan, porén. "O Goberno tomou a decisión, totalmente inxustificada, de contaminar deliberadamente o Océano Pacífico con residuos radioactivos", sinalou nun comunicado. A súa directora executiva a nivel internacional, Jennifer Morgan, anunciou unha "forte resistencia nos meses vindeiros", salientando que o Xapón comete unha "violación" da Convención de Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar.

"A opción máis barata"

A organización ambientalista, ademais, criticou que o Goberno nipón "optase pola opción máis barata". Argumenta que obviou "as probas claras de que hai capacidade suficiente de almacenamento na planta nuclear e nos distritos do arredor". 

Nun estudo de outubro de 2020, Greenpeace xa cualificaba como "falsa" a narrativa do Goberno xaponés nos últimos anos a respecto de que o vertido ao mar era a única opción viábel. 

O informe sobre o tema elaborado por un comité do Ministerio de Economía, Comercio e Industria xaponés contemplaba como posíbel a opción de continuar  almacenando auga contaminada máis alá de 2022. Porén, concluíu desbotala porque requiriría unha "cantidade substancial de tempo e coordinación".

Cal é logo a alternativa? No canto de deitala ao océano, o almacenamento da auga filtrada permitiría reducir o risco do tritio, un isótopo radioactivo do hidróxeno que ten unha vida relativamente curta: 12,3 anos. Apostando polo almacenamento e por investir no desenvolvemento de mellores técnicas de filtrado permitiríase gañar tempo para que o tritio presente na auga fose diminuíndo de maneira natural. Iso é o que defenden os expertos ambientalistas. 

53% en contra

O Goberno xaponés, porén, salientou que o custo anual de almacenar os actuais 1,3 millóns de metros cúbicos de auga (unhas 385 piscinas olímpicas) ascende a 100.000 millóns de iens anuais (uns 767 millóns de euros). Así, o plan de Tepco é filtrar a auga contaminada co fin de eliminar todos os isótopos radioactivos, agás o tritio, que coa tecnoloxía existente na actualidade non pode ser separado da auga. 

Posteriormente pretende diluíla até que a presenza do tritio caia por baixo dos límites estabelecidos polas autoridades nipoas antes de deitala ao mar. Unha práctica que ─defenden─ é segura e habitual noutras plantas nucleares de todo o mundo, tal e como declarou recentemente o director xeral do Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA), Rafael Mariano Grossi. 

Porén, a desconfianza cara a Tepco é grande entre a poboación tras anos de filtracións e avarías en Fukushima. Unha enquisa publicada en febreiro polo xornal xaponés Asahi Shimbun (progresista, segundo de maior tirada), reflectía que 35% dos habitantes da prefectura (rexión) de Fukushima apoiaban o vertido da auga ao mar, catro puntos máis que un ano antes; en tanto que 53% se opuñan (catro puntos menos que en 2020). O Goberno de Xapón está presidido por Yoshihide Suga, do conservador Partido Liberal Democrático.

O que non é tritio

En doses pequenas, o tritio non é nocivo para a saúde. Mais cando é inxerido pode aumentar o risco de padecer cancro. Desde un punto de vista económico, os sindicatos de mariñeiros e pescadores da zona levan anos pedindo que non se deite auga contaminada ao mar polo impacto que tería na industria. 

Greenpeace tamén fai referencia a este aspecto, máis alá do tritio. Asegura que hai materiais radioactivos que si permanecen na auga tratada, como o carbono-14, isótopo que se concentra na cadea alimentaria "con facilidade". Esta acumulación ─defenden─ causa danos xenéticos.

Neste sentido, citado pola axencia Reuters, o director científico do Instituto Oceanográfico Woods Hole, nos EUA, Ken Buesseler, manifestou a súa "preocupación" polos contaminantes radioactivos que non son tritio e que "aínda permanecen nos tanques a altos niveis".

"Estes outros contaminantes son todos moito máis perigosos que o tritio e acumúlanse máis facilmente no marisco e nos sedimentos do leito mariño", apuntou Buesseler, estudoso das augas que rodean Fukushima. 

Peneira de 62 tipos de materiais radioactivos

Para o filtrado da auga, Tepco usa o chamado Sistema Avanzado de Procesamento de Líquidos (ALPS, en inglés), operado por Toshiba e Hitachi. A falla de experiencia previa levou a un mal procedemento, denuncia Greenpeace. 

Tepco, porén, defende que o ALPS é capaz de filtrar 62 tipos de materiais radioactivos, agás o tritio, da auga mariña empregada para refrixerar os reactores e da filtrada desde o subsolo. Aos 1,3 millóns de metros cúbicos actuais súmanse 140 ao día. 

Como técnicas alternativas, barallouse evaporala ou inxectala en depósitos no subsolo, desbotadas polo seu custo económico e pola dificultade técnica. O Xapón, que data na década de 2040 o desmantelamento completo da central, recibiu o amparo dos EUA e fortes críticas dos seus veciños a China e Corea do Sur. Esta última convocou o embaixador nipón en Seúl.

Comentarios