O Partido Socialista francés decide rachar a unidade da Nova Fronte Popular
Olivier Faure, líder do Partido Socialista francés (PS), revelou a sexta feira que xa está a negociar con “membros do bloque central”, reiterando que están dispostos a chegar a un acordo cos liberal conservadores do presidente Emmanuel Macron e co dereitista Os Republicanos (LR) para constituír un novo Executivo por “tempo determinado” e por medio de “concesións recíprocas”.
Xustificándose en que “non podemos paralizar o país durante meses”, Faure recoñeceu que a decisión non conta co apoio da Nova Fronte Popular (NFP), a alianza progresista que se impuxo nas eleccións lexislativas, sostendo que A Francia Insubmisa (LFI), a formación con máis representantes da alianza, “excluíuse desta discusión”, que se produce despois de que a cuarta feira unha moción de censura apoiada polos progresistas e pola ultradereita de Reagrupamento Nacional (RN) acabara co Gabinete conservador do primeiro ministro Michel Barnier.
En paralelo, asegurou antes de reunirse con Macron, que só convidou os socialistas da alianza progresista, que poderían renunciar á derrogación da reforma das pensións.
O coordinador de LFI, Manuel Bompard, respondeu que “algúns están retrocedendo ás súas orixes”, e a eurodeputada Manon Aubry cualificouno dunha “traizón á NFP”. Pola súa parte, das outras dúas forzas principais da NFP, a líder dos Verdes, Marine Tondelier, demandou a Faure que non “caese na trampa” de Macron, e o do Partido Comunista (PCF), Fabien Roussel, reclamou un “pacto republicano e social”.
Con posterioridade, Faure incidiu en que queren un “primeiro ministro de esquerda” e en que o PS “en ningún caso participará nun Goberno dirixido por un primeiro ministro de dereitas”.
O sector máis á dereita do PS xa criticara Faure por non rachar a unidade da NFP anteriormente, cando a alianza propuxo Lucie Castets como primeira ministra, e que foi rexeitada por Macron para impor Barnier co aval da extrema dereita.
A pesar da cesión por parte de Faure, o ministro de Interior en funcións, Bruno Retailleau (LR), sentenciou que “a dereita non poderá chegar a ningún acordo coa esquerda”, descartando calquera vía que non implique un primeiro ministro conservador.
Aínda que Macron tratou de cargar a responsabilidade da crise política a un entendemento entre “extrema esquerda e extrema dereita”, unha enquisa no xornal conservador Le Figaro sinala que 59% da poboación quere que renuncie.