Pardo de Vera e o ex director de Estradas, citados polo 'caso Koldo'
No medio do foco pola suposta corrupción no PSOE a través do Ministerio de Fomento, con contratos subscritos con empresas como Acciona baixo sospeita, hai uns días o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) adxudicou un novo contrato millonario a esta construtora —sinalada pola UCO no seu informe como beneficiaria de contratos públicos a través de 'mordidas' a altos cargos do departamento que daquela dirixía José Luis Ábalos—, presidida por José Manuel Entrecanales. Este novo contrato de Adif é un encargo de 20 millóns de euros para obras ferroviarias concedido a unha UTE liderada por Acciona.
A empresa despediu en 2021 Fernando Agustín Merino, ex directivo sinalado como "mediador" na suposta trama e quen esta segunda feira negou as 'mordidas' na súa declaración no Tribunal Supremo. O xuíz instrutor retiroulle o pasaporte e obrigouno a comparecer cada 15 días en sede xudicial.
Tamén esta segunda feira o xuíz do 'caso Koldo' na Audiencia Nacional citou o próximo 21 de xullo como investigadas a ex presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e o ex director xeral de Estradas, Javier Herrero. O xuíz Ismael Moreno toma esta decisión despois de que o maxistrado do Supremo que investiga o caso puxese nas súas mans a decisión de imputar estas dúas persoas ao apreciar indicios na súa contra.
Foron eses indicios os que levaron a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil a rexistrar o pasado 26 de xuño as casas de Pardo de Vera e de Herrero por orde da Audiencia Nacional. O maxistrado Leopoldo Puente indicaba que un oficio remitido pola propia UCO detalla que ambas poderían "prestar, no marco das indebidas adxudicacións", asistencia ao ex ministro José Luis Ábalos a través do seu ex asesor Koldo García.
En concreto, esta axuda estaría destinada a que "as adxudicacións proxectadas por eles puidesen chegar a bo termo", facilitando de maneira inmediata a información conveniente que obraba nos diferentes expedientes ou a saída a licitación doutros, seguindo as directrices que o ministro, a través do seu asesor, lles impartía. A UCO, en concreto, detallaba nese informe que Koldo García "se valía, presuntamente, da entón presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e do director xeral de Estradas, Javier Herrero", para a "manipulación" de procesos de contratación. A construtora logrou máis de 1.000 millóns de euros en adxudicacións de obra civil, moitas procedentes de organismos baixo investigación no procedemento xudicial aberto como Adif ou a Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento.
Medidas "anticorrupción"
O ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, avanzou esta segunda feira que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciará na terza feira no Congreso "un paquete potente de medidas anticorrupción" co obxectivo de "recuperar a confianza" da cidadanía. Segundo Bolaños, "agora o reto é recuperar a confianza e que algúns casos, poucos pero moi graves, non manchen a nosa loita contra a corrupción, un sinal de identidade do noso presidente e do noso Goberno".
Bolaños desbotou que Pedro Sánchez se someta a unha cuestión de confianza, como demandou esta fin de semana Emiliano García Page, e puxo en valor que na presente lexislatura gañaron 90% das votacións no Congreso, aprobando até 36 leis, e anunciou que, "se todo vai ben", o pleno do 22 de xullo aprobará outros 7 textos lexislativos.

