Voces palestinas desde Galiza no 77º aniversario da Nakba: "Esta é peor que a de 1948"

Un mosaico humano lembrou esta quinta feira o ano da Nakba na praza das Pratarías de Compostela. (Foto: Clara Xanthina)
A sexta feira o pobo palestino conmemorou a Nakba, un día chave da súa historia, polo que 'Nós Diario' abordou o valor da data con varias persoas palestinas no país.

“Nakba tradúcese ao galego como catástrofe, pero, por dicilo suavemente, significa o peor que lle pode pasar a un individuo ou a un conxunto de persoas, a Nakba é algo moito máis dramático que unha catástrofe”, explica a Nós Diario Sami Ashour, presidente da Asociación galaico-árabe Jenin.

Tanto en Palestina como en moitas partes do mundo, incluída a Galiza, conmemorouse onte esta data, referida á destrución da sociedade palestina e á expulsión da meirande parte do pobo de amplas áreas do seu propio país, condenándoo a sobrevivir en campos de persoas refuxiadas ou na emigración, en 1948, como consecuencia da fundación do Estado de Israel.

Ashour naceu en 1976 en Khan Younis, no sur de Gaza, e chegou á Galiza en 2007, onde traballa na Vicerreitoría de Política Científica da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Hai menos dun mes logrou que a súa nai, Ibtisam Ashour, nada en 1951, se desprazara á Galiza, após sobrevivir máis dun ano e medio ao xenocidio que está a perpetrar o réxime israelí na Faixa.

Con todo, detalla que “Gaza está asediada desde hai máis de 19 anos, e quitáselle literalmente a comida, a auga, os medicamentos, os combustíbeis, quitáselle o presente e o futuro”, criticando un réxime que “segue coa política de expandir o territorio ocupado”, “hoxe queren botar a poboación de Gaza e Cisxordania mais o obxectivo final é ocupar boa parte de Oriente Medio, incluíndo Xordania, Líbano, Siria, parte do Iraq até o [río] Éufrates, e parte de Arabia Saudita e Exipto até o [río] Nilo”.

O proxecto dun grande Israel “é unha barbaridade que está fóra da imaxinación do ser humano”, e “é unha barbaridade que pase todo isto diante dos ollos e os oídos de Europa, que foi quen facilitou todo isto e segue a facilitalo, sexa vendendo armamento e apoiándoo ou cun silencio que tamén mata”, asevera. 

Isto non é algo que afecte só ao pobo palestino, incide, advertindo que “calquera que nos lea ten que ter medo dos israelís, os sionistas cren firmemente que ti ou eu non valemos o mesmo que un xudeu e isto tenos que preocupar”. Todo isto sobre un Estado con armas nucleares e que ameazou con usalas en Gaza.

O que está a pasar alí  “vai marcar o século”, sentencia, sinalando que “Europa non pode salvarse da culpa do xenocidio en Palestina” e lembrando que desde o 2 de marzo Israel impide o acceso de axuda ao enclave, matando de fame a máis de dous millóns de persoas, unha poboación como a galega.

Boicot e presión para frear o xenocidio en Gaza

Ante o aval occidental ao xenocidio, debulla que a cidadanía debe presionar os seus gobernos para que actúen, e defende a importancia de boicotear o réxime sionista a todos os niveis, apagando a televisión cando a súa representación actúe en Eurovisión, evitando comprar produtos de empresas que “financian e axudan o Exército sionista”, como Mercadona, Carrefour, McDonald’s, Burger King, Pizza Hut, Coca Cola ou Pepsi, manifestándose ou compartindo novas sobre o xenocidio. 

“A Nakba segue en execución, e esta é máis difícil que a de 1948”, sostén a este xornal Ibtisam, que naceu en al Emari, no norte de Gaza, e vivía en Khan Younis tras desempeñarse como ama de casa cando Israel deu inicio ao xenocidio. No enclave ficaron fillas, fillos, netos e bisnetos.

Os sionistas forzárona a marchar a al Mawasi e malvivir en tendas de campaña sen auga, saneamento e con “baños compartidos con milleiros e milleiros de persoas”, no contexto dunha limpeza étnica na que lograron sobrevivir “co apoio de Alá” e pola “resistencia”, non referida á loita armada, senón a “resistir como pobo e estar todos unidos” cando os seus “dereitos son suprimidos”. Sexa como for, ratifica que volverá a Gaza.

En xornadas como a de onte pormenorizou que “todo lles chega”, facendo énfase na importancia de que os pobos do mundo “estean á súa beira”, pois eles “son os propietarios da verdade”.

Mohamed Safa viu ao mundo en Tammon, na Cisxordania ocupada, en 1956. Chegou por primeira ocasión á Galiza en 1983, onde exerce como médico en Cee. Desde alí narrou a Nós Diario como a Nakba é “o eixo central de toda a traxedia palestina” e un dos dous (o outro é o Holocausto) grandes crimes contra a humanidade cometidos no século XX. Porén, un é pasado e foi condenado a nivel global e o outro “segue”, láiase.

Nese sentido, o que está a ocorrer en Gaza é parte do “colonialismo de asentamento” israelí e da súa intención de expulsar a “poboación nativa” e “crear un Estado puro e só para xudeus”, algo que o réxime nin sequera “disimula”

Safa atribúe a impunidade que os seus aliados garanten aos sionistas a que “ven en Israel o seu proxecto”, é unha “prolongación” do propio colonialismo europeo por moito “discurso cun verniz moral dos dereitos e da igualdade” que proceda do continente, cunha historia baseada na “escravitude”, o “colonialismo” e a “supremacía”.

Ao respecto, cuestiona que estes países só admitan dos palestinos “ser vítimas”, e reitera que “este pobo volveu erguerse cada vez que caeu, e desta sairemos”, outorgando un papel determinante ao vínculo do pobo palestino coa súa terra, “para nós un dereito, historia, memoria, pero sobre todo dignidade, e esta loita ten que culminar un día coa nosa liberdade”.

Galiza mobilízase para lembrar a Nakba

Mobilización en Vigo esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

Centos de persoas xuntáronse a quinta feira en Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo para conmemorar o 77º aniversario da Nakba, nunhas mobilizacións impulsadas pola Rede Galega pola Palestina, apoiada polo Movemento BDS (Boicot, desinvestimentos e sancións). Asemade, en Compostela a Asociación galaico-árabe Jenin organizou un mosaico humano co ano da Nakba.  

Tamén a quinta, dúas activistas compareceron como imputadas no xulgado, onde foron citadas á última hora logo de dúas concentracións en 2023 en tendas de Carrefour, empresa acusada de colaborar co réxime israelí, no marco dunha campaña de BDS, relatou a este xornal unha delas, a activista Elvira Souto, que fixo fincapé en que “semella unha directriz de tipo político”, cuestionando que pasase tanto tempo despois dos feitos. 

Souto apunta que as protestas foron pacíficas e “non se produciron estragos nin interferencias” nas operacións das tendas durante os actos, o que non impediu que Carrefour a acusara, como suposta líder das protestas, o que nega, de causar danos nos comercios. 

Neste contexto, un dos policías que declarou na causa, explica, insistiu á hora de ter que debullar os danos causados en que "se colou un adhesivo detrás dun frigorífico" na protesta.