A palabra "España" sobre a Man de Irulegi, un erro "inadmisíbel" que obrigou a retirar o número completo dunha revista de historia

Detalle da ilustración da capa da revista 'Arqueología e Historia', onde se ve o colar coa Man de Irulegi coa palabra españa. (Foto: Desperta Ferro)

A editorial Desperta Ferro retirou o exemplar de Arqueología e Historia titulado Vascones despois de que a ilustradora incluíse por erro a palabra "España" nun colar inspirado na famosa peza vasca.

A editorial Desperta Ferro anunciou a retirada do número 63 da súa revista Arqueología e Historia, dedicado aos vascóns, por un "erro inadmisíbel" na súa portada. A ilustración deseñada expresamente para a capa do número en cuestión mostraba a palabra "España" gravada nun colar que reproducía a Man de Irulegi, unha peza arqueolóxica do século I antes de Cristo considerada a primeira inscrición coñecida en euskera.

Segundo explicou a editorial, o erro produciuse cando a ilustradora inseriu a palabra como unha broma interna nunha das versións preliminares da obra. Por un fallo no proceso de revisión, ese borrador foi enviado por equivocación como versión final á imprenta. O resultado xerou unha forte polémica nas redes e entre especialistas en patrimonio vasco, que consideraron o detalle unha "ofensa simbólica" á cultura de Euskal Herria.

Desperta Ferro cualificou o sucedido de "erro grave e absolutamente alleo ao contido e á liña editorial" e anunciou o cesamento inmediato da colaboración coa autora da imaxe, así como a retirada total do número do mercado. A editorial pediu desculpas públicas e afirmou que a inclusión da palabra "España" "non responde a ningunha intención política nin ideolóxica, senón a unha desafortunada confusión durante o proceso de produción".

A revista, publicada en Madrid e con ampla distribución no ámbito académico e divulgativo, relanzará o número cunha nova portada revisada nas vindeiras semanas. A empresa asegurou que a substitución das edicións erradas xa está en marcha e que "se tomaron medidas para reforzar os controis de calidade editorial e evitar calquera erro semellante no futuro".

A Man de Irulegi, descuberta en 2021 perto de Iruña, contén a inscrición "sorioneku" —interpretada como "afortunado" ou "feliz"— e é un símbolo da antigüidade da lingua vasca. A súa deturpación na portada da revista provocou unha forte resposta nas redes e entre colectivos culturais de Nafarroa e Euskadi, que reclamaron "respecto e sensibilidade" co patrimonio e coa historia dos pobos do Estado.

Aliás, e en ton máis distendido, varios usuarios das redes sociais non dubidaron en destacar a semellanza dos protagonistas da ilustración co actor Dani Rovira e coa actriz Clara Lago, ambos protagonistas da película Oito apelidos vascos.