Os antidisturbios levarán un número de identificación á vista, mais non será o da súa placa

O ministerio de Interior acata as recomendacións da Defensora del Pueblo e colocarao en todas as prendas da policía española, que irá colado cun velcro na parte posterior do uniforme


Os antidisturbios levarán un número de identificación á vista nas costas, pegado cun velcro e nun letreiro de grandes dimensións (un palmo de ancho por dous de longo) para poder ser lido desde lonxe. Malia que non se corresponderá co número de placa, si que permitirá relacionar o axente coa furgoneta en que vaia destacado. Até o de agora só se podía situar unha unidade móbil da policía española nunha carga policial facilitando o número que vai serigrafiado nas furgonetas. 

O ministerio de Interior cumprirá así cunha das recomendacións realizadas pola Defensora del Pueblo, Soledad Becerril, no seu último informe anual en que instou a Secretaría de Estado de seguridade a "iniciar os traballos de modificación normativa necesarios no relativo a aumentar os números de identificación persoal dos axentes do Corpo nacional de policía, incluídos os que fan parte das Unidades de intervención policial, en todas as súas prendas".

Imposíbel identificar os antidisturbios nas cargas policiais

Até o de agora os antidisturbios levaban o número de identificación no peito, tamén adherido cun velcro, mais nunhas dimensións que impedían que fose lido máis aló dunha distancia de 1.20 metros. Aliás, ao se colocaren os chalecos para proceder a unha carga policial o número quedaba tapado, sendo imposíbel sinalar con atino un axente para o identificar. 

No seu informe, Soledad Becerril fixo a mesma reclamación para a Garda Civil "co obxectivo de que se permita a súa doada leitura polos cidadáns desde unha distancia prudencial que permita a debida identificación".

Este sistema foi posto xa en marcha a mediados de mes polos antidisturbios que fan parte dos Mossos d'Esquadra, os Brimo. Locen un código alfanumérico perfectamente visíbel e colocado cun velcro, se ben non cumpre co sinalado nun decreto da Generalitat do ano 2008, ao non se corresponder o número co TIP profesional, o número de placa. 

Comentarios