Oriol Bäbler, enviado especial de 'Vilaweb' a Groenlandia: "Mentres Trump lidere os EUA, o conflito estará aí"
—Após a súa estadía en Groenlandia, cal é a percepción da cidadanía perante as ameazas invasoras de Trump?
Maioritariamente fan vida normal, non lles afecta isto na súa rutina diaria, ou iso é o que parece. Si que é certo que se conversas con algunhas persoas din que teñen ansiedade, que están máis estresadas do habitual ou que lles custa dormir. Tamén se lles nota algo fatigados, cansos e fartos por estar no foco mediático e tamén por esta presión política, porque non están para nada acostumados a isto. De feito, este será un tema que se estudará, ver como este cóctel xeopolítico afectou á saúde mental dos groenlandeses e groenlandesas.
—A nivel militar, cal é a presenza agora mesmo nas rúas?
A verdade é que agardaba ver moito máis despregue militar, sobre todo danés, porque os socios europeos mobilizaron moi poucos efectivos e xa os retiraron hai uns días. Ves militares polas rúas, mais non vixían a cidade. Os militares están no Porto no Comando Ártico e cando van á cidade van vestidos pero fan vida normal, non realizan actividade militar. Falando con eles, con soldados rasos, sorprendeume a resignación de saber que se realmente hai un ataque, non hai nada que facer. Co nivel militar que hai en Groenlandia, a primeira potencia militar a nivel mundial pode facer o que queira.
—E como valoran por parte do Goberno a acción da Unión Europea ante este ataque?
O Goberno valorou moito o apoio que tivo por parte dalgúns Estados europeos, máis alá incluso da Unión Europea. Así o expresou o primeiro ministro goenlandés, Jens Frederik, que destacou que se sentiran acompañados e protexidos polos seus socios europeos, porque o recibiron como un primeiro ministro máis. Aos nosos ollos, no plano militar e diplomático pode parecer que a UE non fixo moito, mais a nivel institucional si para este Goberno.
—E para vostede, como foi a resposta dos Estados europeos?
Ao meu parecer é pouco, moi pouco. A nivel militar, as manobras que houbo hai unhas semanas en pleno auxe da crise e antes de que supostamente o secretario xeral da OTAN e Donald Trump acordasen un marco de acordo, nese contexto chegaron entre 30 e 40 militares de países europeos. A nivel diplomático, os Gobernos europeos deron apoio a Dinamarca e Groenlandia. Tamén é importante recordar que Groenlandia ten dereito á
autodeterminación.
—O conflito vai seguir escalando ou pola contra, manterase así e aumentará a tensión nun futuro?
É certo que o tema non está candente a nivel mediático, mais segue vivo e é unha idea que ten Trump en mente que non creo que se lle olvide. A súa maneira de proceder foi, normalmente, entre azarosa e errática. Polo tanto, non sabes nunca o que podes esperar. Mais, desde logo, olvidarse non se vai olvidar. Era un tema que no seu primeiro mandato xa tiña en mente e de feito mandara ameazas, quizáis non militarmente, mais si destacou que quería esa anexión. A Donald Trump quédanlle aínda tres anos na presidencia e eu non descartaría nada mentres Trump estea na Casa Branca. Iso si, falta por ver se realmente se chegou a ese principio de acordo entre OTAN e EUA, que incluso descoñecen o primeiro ministro groenlandés e a primeira ministra danesa. O conflito desaparecer non vai desaparecer, iso está claro, porque latente está. O que queda por ver é en que intensidade evolucionará.
"Un ataque dos EUA suporía a fin da OTAN"
Aínda que exista un apoio institucional e diplomático por parte de Estados europeos como poden ser Francia, Finlandia, Noruega, Suecia ou Alemaña a Groenlandia e Dinamarca, "de producirse un ataque, e analizando a súa dimensión, isto suporía, entendo, a fin da OTAN", sentenciou a Nós Diario Oriol Bäbler, xornalista de Vilaweb e corresponsal en Groenlandia.
"Que o pai de todos os socios da OTAN ataque un dos socios menores acabaría con calquera futuro da organización", posto que un dos artigos da alianza recolle "que os Estados da alianza protexerán Estados que estean baixo ataque", destacou o xornalista Bäbler. Unha guerra aberta entre socios implicaría claramente "a morte da OTAN". Con todo, queda analizar ese principio de acordo entre a alianza cos EUA e ver a evolución do conflito nun futuro non moi lonxano.