A oposición venezolana renuncia á estratexia belixerante e concorrerá ás eleccións

A mesa de diálogo reúnese de novo desde esta sexta feira en Cidade de México.
dialogo_venezuela_mexico
photo_camera Representantes de Goberno e oposición, o 13 de agosto en México (Foto: Goberno de México)

Os principais partidos da oposición en Venezuela manifestaron que participarán nas eleccións municipais e rexionais do vindeiro mes de novembro, no que supón unha mudanza na súa estratexia para apartar do poder o presidente Nicolás Maduro.

A decisión chega máis de dous anos despois de iniciar unha intensa presión internacional, mesmo con chamamentos ao Exército á rebelión. A maioría do bloque opositor cualifica a Maduro de "ditador" e acúsao de fraude nos comicios de 2018 en que foi reelixido; tamén, de violar os dereitos humanos na persecución de disidentes.

Porén, a estratexia non atopou o apoio popular que se agardaba, e dentro do bloque opositor comezaron a aparecer voces que reclamaban a Juan Guaidó ─autoproclamado presidente interino de Venezuela, recoñecido entre outros por Washington─ unha viraxe de rumbo. Máis aínda co empeoramento da situación no país polas sancións económicas impostas polos EUA.

"Para aqueles que pensan que a solución non é electoral... logo cal é?", preguntouse en conferencia de prensa Henry Ramos Allup, líder de Acción Democrática. Horas antes Freddy Guevara, dirixente de Voluntad Popular ─partido de Guaidó─ avogou por un "proceso de convivencia [...] con todas as forzas políticas do país", no canto de forzar un cambio de Goberno.

A Plataforma Unitaria de Venezuela ─entre os que tamén está Primero Justicia, de Henrique Capriles─ asegurou que concorrería ás eleccións para complementar os esforzos na mesa de diálogo de México, co fin dunha solución "pacífica e negociada". 

Representantes do Goberno e da oposición volveranse ver mañá en Cidade de México, onde teñen previsto estar reunidos até a segunda feira para dar pasos na resolución da crise política, socieconómica e sanitaria actual. 

Parabéns de Maduro

Pola súa banda, Nicolás Maduro felicitou a oposición polo paso dado, que considerou "digno de aplaudir". Neste sentido, salientou "ter construído un diálogo nacional inclusivo a favor da estabilidade e da paz" e celebrou "ter traído toda a oposición venezolana ao campo electoral".

"Estamos cansos dos xogos de poder dentro da oposición [...]. Os venezolanos din: basta das ambicións sen límites e de buscar impor pola forza o que non lograron cos votos, é un grito xeral dun país", sentenciou. A respecto da negociación en México, anunciou que se presentará unha "petición firme" con "todas as exixencias para a recuperación da economía do país", entre elas que se levanten todas as sancións contra a empresa estatal Petróleos de Venezuela, que "se devolva o ouro roubado en Londres" e "as contas bancarias no mundo". 

Comentarios