A oposición logra en Venezuela a súa primeira vitoria en 16 anos

Obtivo 99 representantes polos 46 do PSUV. O presidente Nicolás Maduro recoñece a derrota e di que “triunfou a democracia”.

En 2024 terán lugar unhas eleccións presidenciais en Venezuela (Foto: Nós Diario).

Desde 1999 que a oposición non gañaba unhas eleccións de ámbito nacional en Venezuela. Naquel ano, o triunfo electoral fora para Hugo Chávez, e desde aquela o que se deu en chamar 'chavismo' gañou sempre nas urnas. Mais este domingo a vitoria foi da MUD (Mesa de Unidade Democrática, onde se agrupan todas as forzas de oposición), que logrou 99 representantes polos 46 do PSUV, co que logra o control da Cámara lexislativa.

A participación foi alta, por volta do 75%, e obrigou mesmo a adiar o peche dos colexios electorais. A oposición fica por riba dos 84 escanos (necesaria para aprobar leis regulares ou para aprobar e vetar nomeamentos). Porén, para aprobar ou suspender leis especiais ou emitir votos de censura contra cargos como ministros ou vice-presidentes requírense 101 escanos. Para convocar referendos ou ben para reformas da constitución, esa maioría ten que ser dun mínimo de 110 deputados.

Pouco despois de que se coñecesen os primeiros resultados oiciais, o presidente Nicolás Maduro afirmou nunha declaración en TV que aceptaba a derrota coa “moral e ética do chavismo” e destacou que triunfou “a democracia”. O presidente chamou á unidade das forzas revolucionarias e solicitou unha “reflexión” de todos “sobre o noso compromiso”.


 

Comentarios