A ONU alerta de "novas vagas" de lagostas no leste de África
Nacións Unidas alertou nesta terza feira, 17 de marzo, das "novas vagas" de lagostas do deserto que percorren Quenia, Etiopía e Somalia e poñen en perigo as colleitas e, con iso, a alimentación dos pequenos agricultores e das súas familias en todo o leste do continente africano.
O Programa Mundial de Alimentos da ONU cualificou esta epidemia de insectos como a "maior e máis perigosa" praga migratoria do mundo, cuxo repunte desde que se iniciou en 2019 é o peor dos últimos 25 anos en Etiopía e Somalia, e dos últimos 70 en Quenia.
A Organización da ONU para a Alimentación e a Agricultura (FAO, nas siglas en inglés) xa alertara o pasado mes de febreiro de que os enxames de lagostas estaban a estenderse por todo o Corno de África, así como por Tanzania, Uganda e Quenia, poñendo en serio risco as colleitas de maio e xuño nalgunhas zonas destes países.
13 millóns de persoas afectadas
Segundo a FAO, 9,7 millóns de persoas en Quenia, Etiopía e Somalia pódense ver afectadas por esta praga de insectos, mentres que en Uganda e Sudán do Sur serían 3,2 millóns. Esta oficina dasa Nacións Unidas recordou que é máis eficaz apoiar medidas de prevención que intentar posteriormente paliar as consecuencias.