O PP gastará un 1.780% máis en repoñer o material dos antidisturbios

Os recortes non afectarán este corpo da policía española. Namentres o orzamento do ministerio de Interior cae, a partida 'Material antidisturbios e equipamentos específicos de protección e defensa' subirá dos 173.670 euros de 2012 até os 3,26 millóns do ano que vén

O gasto en material antidisturbios e equipamento de protección de axentes da policía española multiplicarase por 18,8 en 2013, segundo a información que se recolle nos Orzamentos xerais do Estado. En termos porcentuais, o PP gastará até un 1.780% máis e isto a pesares dos recortes do ministerio de Interior, do cal depende a policía, e cuxo orzamento se reducirá un 6,3%. 
 
Porén, a baixada na inversión afectará a partidas como seguranza cidadá, namentres aqueloutras como a renovación de 'Material antidisturbios e equipamentos específicos de protección e defensa' subirá dos 173.670 euros de 2012 até os 3,26 millóns do ano que vén. 
 
O secretario xeral do Sindicato unificado da policía, José Manuel Sánchez Fornet, xa dixo que "o Goberno sabe que vai ser un ano difícil e conflitivo, e pretende resolvelo usando a policía".
Así as cousas, ollando os OXE polo miúdo, o diñeiro destinarase fundamentalmente en repoñer o material deste corpo da policía española: escudos, cascos, chalecos, máscaras de protección ou artificios lacrimóxinos.
 
Por contra, a inversión en reposición reducirase de 250 mil a 150 mil euros no caso da Garda civil.

Comentarios