O PCE sofre unha escisión en Canarias e afirma que as súas federacións non teñen persoalidade xurídica propia

Un grupo de militantes do Partido Comunista de Canarias, entre eles a súa secretaria xeral, tomou a decisión de se afastar "temporalmente" do PCE por considerar que este partido se está a comportar neste momento como unha forza máis do sistema, que só aspira a xestionalo, non a transformalo. O PCE nega lexitimidade á escisión e nega que o PCC teña "personalidade xurídica propia".

Un grupo de comunistas canarios liderados pola súa secretaria xeral, María Puig Barrios, anunciaron que se afastan temporalmente do PCE por considerar que este partido neste momento está máis "pendente dos procesos eleitorais" e da "rendabilización eleitoral da situación económica" que de se envorcar "na loita contra as políticas neoliberais que agreden as e aos traballadores, construíndo alternativas desde abaixo"

Denuncian que neste momento "todas as mensaxes dos dirixentes de IU e do PCE" van no sentido de dicer que "queremos xestionar o BOE" ou de aceitar "os recortes por imperativo legal".

Para esta escisión do PCE nas Canarias, "ou se é unha forza máis do sistema que xestiona os recortes por imperativo legal ou se é unha forza para a transformación social e política. Ou a unha ou a outra".

De acordo coa visión do aparato central do partido, a canaria é unha federación máis que se debe subordinar ás decisións que se adopten nos órgaos "federais" do PCE en Madrid

Alegan tamén teren sofrido "inxerencias" desde Madrid cando o Partido Comunista de Canarias, enfatizan, ten persoalidade xurídica propia desde 1979, ano en que se terían federado ao PCE. O aparato de Madrid, aducen, tería decidido no seu momento desconvocar de forma unilateral o Congreso do PCC previsto para febreiro de 2011, ao tempo que terían imposto a realización dun congreso extraordinario.

O PCC, afirman, federouse libremente ao PCE en 1979 e, en función dese estatus autónomo, decide agora afastarse temporalmente do PCE mentres "non mudar a atual situación organizativa e política".

Por súa parte, o PCE resta importancia á escisión (limítaa a un número de apenas unha ducia de militantes, aos que se terían sumado arredor de 23 ex militantes) e acusa os críticos de teren levado "o comunismo" á irrelevancia nas Canarias.

O PCE, en todo caso, nega enfaticamente que o PCC teña persoalidade xurídica propria. De acordo coa visión do aparato central do partido, a canaria é unha federación máis que se debe subordinar ás decisións que se adopten nos órgaos "federais" do PCE en Madrid.

Comentarios