O deputado de UpyD Toni Cantó pergunta por que Arnaldo Otegi ten “facilidades para tuitear desde prisión”

O preso independentista ten unha conta en twitter, @ArnaldoOtegi, que xestionan compañeir@s, amig@s e familiares.@s pres@s non poden ter celular, nin ordenador nin acceso a internet

Cantó

 

É único. Voltou a conseguilo. Se alguén pensaba que após a súa metedura de zoca coas declaracións pondo en dúbida a gravidade da violencia machista, o deputado de UpyD, Toni Cantó, tornaríase un chisco máis prudente, ese alguén estaba trabucado. Cantó voltouna a montar nas redes sociais. Un chío seu está a ser albo de críticas, rexoubas, burlas e mesmo preocupadas perguntas sobre o estado mental do parlamentar españolista. O chío en cuestión: “Todos os presos de España teñen as mesmas facilidades que Otegi para chiar e facer propaganda desde a súa cela?”.

A pergunta facía referencia á conta de twitter @ArnaldoOtegi, con nome e foto do preso independentista vasco. Mais, loxicamente, xestionada por familiares, compañeir@s e amig@s. Unha conta na que se tratan desde cuestións de actualidade política ou social até a realidade das prisións ou eventos deportivos e culturais. Todo iso en 6.720 chíos.

Hadei Otegui dá no seu twitter as grazas a Cantó por facer do seu pai trending topic

Toni Cantó, que ignora as condicións en que viven @s pres@s no Estado español, denunciaba implicitamente no seu chío un suposto trato de favor a Otegui (!!!). Só lle faltou perguntar como os carcereiros non lle retiraron aínda o móbil ao líder da extinta Batasuna, hoxe Sortu. En virtude da lexislación penitenciaria española, os e as presas non teñen dereito a ter teléfono móbil, e moito menos aqueles que, como Otegi, están presos en relación ao 'conflito vasco'.

Na súa conta de twitter, Arnaldo Otegi ten 28.496 seguidores de ducias de países distintos. 

Mesmo Hodei Otegi, fillo de Arnaldo, dá no twitter, e con retranca, as grazas a Toni Cantó polo chío "e por facer TT a Arnaldo Otegi".

Comentarios