O Tribunal Constitucional español suspende a declaración de soberanía aprobada o pasado 23 de xaneiro polo Parlament de Catalunya. O TC admite a trámite a impugnación presentada polo executivo español. É a primeira vez, desde a Transición, que se suspende un acordo ou declaración adoptada nun parlamento autonómico.
O Avogado do estado español considera que o pobo catalán non pode ser un obxecto político e xurídico soberano. En todo caso, apunta, a soberanía para poder decidir sobre unha hipotética secesión de Catalunya reside no conxunto do pobo español.
En base o recurso do Avogado, a declaración de soberanía aprobada no Parlamento é “un desafío aberto contra a constitución” que ten “efectos xurídicos e políticos”. O TC ten agora cinco meses para resolver se mantén ou non a suspensión da declaración de soberanía.