Polo menos tres persoas foron asasinadas esta quinta feira, 29 de outubro, nun ataque con arma branca dentro dunha igrexa de Niza, ao sueste de Francia, nun posíbel "atentado terrorista". O suposto autor foi detido, informaron os medios franceses. A Fiscalía Antiterrorista abriu unha investigación.
O Goberno elevou o nivel de alerta terrorista ao máximo. "Esta mañá decidimos aumentar a vixilancia en toda Francia para nos adaptar á ameaza terrorista", afirmou o presidente Emmanuel Macron durante unha visita á igrexa do suceso. "O noso país foi vítima dun ataque terrorista islamista. É Francia quen foi atacada. Se somos atacados, é polos nosos valores e polo noso gusto pola liberdade", engadiu.
O ataque tivo lugar ás 9 horas na Basílica da Nosa Señora da Asunción, segundo informou Le Monde, que tamén recollía que a policía municipal disparara ao autor do ataque, feríndoo.
Segundo unha fonte policial citada por Le Figaro, unha primeira muller, anciá e que ía rezar cedo na mañá, foi atopada sen vida e "case decapitada" perto da fonte de auga bendita no edificio relixioso. Un home, o sancristán, tamén foi atopado morto na igrexa. E unha segunda muller, que lograra refuxiarse nun café próximo, perdeu a vida alí a causa das puñaladas recibidas. De acordo con fontes citadas por AFP, o autor tería berrado "Allah Akbar" ("Alá é grande") durante o ataque.
O primeiro ministro, Jean Castex, denunciou no Parlamento o "ataque tan covarde como bárbaro". "Quero dicir [aos católicos] que a nación comparte a súa dor e inmensa emoción. A resposta do Goberno será firme, inmediata e implacábel. O sistema de alerta elevarase a nivel máximo en todo o país", engadiu. Diferentes líderes europeos condenaron o ataque e mostraron a súa consternación.
Ademais, tamén se produciron varios incidentes en Lyon e en Aviñón, mais sen estar claro a posíbel relación co ataque de Niza.
Ira no mundo musulmán
No mundo musulmán continúan as voces críticas co que consideran un ataque de Macron á súa relixión. O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, abriu a billa chamando ao boicot dos produtos galos; e o primeiro ministro do Paquistán, Imran Khan, foi o último en pedir aos líderes musulmáns que se unan contra Macron.