Netanyahu convoca para a quinta feira o Executivo co fin de aprobar a ocupación de Gaza

Corpos de palestinas e palestinos, entre eles crianzas, asasinados nun bombardeo israelí no norte de Gaza, o 20 de maio de 2025. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images vía ZUMA / DPA vía Europa Press)

Palestina critica os "efectos catastróficos" de lanzar axuda por vía aérea.

O Goberno de extrema dereita israelí aprobará a quinta feira á tarde a ocupación militar da Faixa de Gaza, informou a cuarta o xornal The Times of Israel, nunha reunión convocada polo primeiro ministro Benjamin Netanyahu para tomar unha decisión rexeitada polos militares.

O Exército advertiu que porá en risco a vida dos detidos sionistas no enclave, moitos dos que morreron a mans dos propios militares israelís, denunciou Hamás, que goberna o territorio palestino.

A tentativa sionista de ocupar o 25% do territorio gazatí no que non operan as súas forzas terrestres “podería ter consecuencias catastróficas para millóns de palestinos”, afirmou Miroslav Jenca, secretario xeral adxunto da Organización das Nacións Unidas (ONU).

Á vez, as autoridades gazatís corroboraron cinco novas mortes por fame, elevando o total a 193 cando Israel segue a bloquear o acceso da axuda humanitaria requirida.

Máis de 61.000 persoas foron asasinadas no enclave polo réxime israelí desde o inicio do xenocidio en outubro de 2023.

O Ministerio de Interior e Seguridade Nacional palestino denunciou ademais os “efectos catastróficos” dos lanzamentos de axuda humanitaria desde avións, que causaron mortes ao impactar co chan e están a ser explotados pola “ocupación” para “fomentar o caos e o vandalismo”.

Despois de que Israel asaltara dous barcos da Flotilla da Liberdade con axuda humanitaria que trataban de romper o asedio a Gaza, o grupo uniuse a tres movementos máis, a Flotilla Resistencia do Magreb, o Movemento Global a Gaza e a Resistencia do Arquipélago, para lanzar un novo intento, desta vez con ducias de buques e activistas de 44 estados, nunha viaxe que inicia o 31 de agosto no Estado español.