"Antes do comezo da guerra, Gaza xa era un campo de concentración, agora é un campo de exterminio"
Inácio Martínez e Xan Lopes son dous dos 12 activistas galegos que participarán entre maña e o 19 de xuño na denominada "Marcha a Gaza" para denunciar o xenocidio do pobo palestino. Antes de partir para Exipto explican a "Nós Diario" as razóns da súa presenza na protesta.
A "Marcha a Gaza" arrancará o 13 de xuño desde localidade exipcia de El Airish. O seu obxectivo é chegar dous días máis tarde ao emprazamento fronteirizo entre Exipto e Gaza de Rafah, onde os participantes na protesta permanecerán até o 19 de xuño, en que as perto de 3.000 persoas presentes nesta mobilización internacional en solidariedade con Palestina retornarán aos seus países. Galiza é unha das 36 nacións do mundo que estará presente na acción de denuncia do xenocidio israelí.
Inácio Martínez e Xan Lopes son conscientes dos riscos que corren. Neste sentido, Martínez sinala a Nós Diario que "cada persoa que asinou o protocolo para poder participar na marcha asume o risco que corre". A este respecto, recoñece que "hai perigo desde o mesmo o momento en que cheguemos a Exipto, xa que pode ser que nos deporten. A dúbida está en que nos deixen chegar a Rafah" Ao tempo, lembra que "outras accións internacionais de solidariedade con Palestina, como a Flotilla da Liberdade xa foi atacada en diversas ocasión"
Lopes destaca o carácter "pacifico" da protesta, mais recoñece que "pode haber riscos polo inimigo que enfrontamos". Neste punto, non descarta que "poida haber provocacións e agresións por parte do ente sionista ou mesmo sufrir un ataque de falsa bandeira". Nesta dirección, a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina xa demandou aos Gobernos do Estado e da Galiza "que velen pola seguridade das persoas que participan nesta marcha pacífica".
A "Marcha a Gaza" pretende denunciar o bloque imposto ao pobo palestino e exixir o levantamento inmediato das restricións á axuda humanitaria na fronteira de Rafah, onde milleiros de camións con produtos de primeira necesidade, como alimentos ou medicinas, son impedidos de acceder a Gaza. Nesta orientación, Lopes indica que "queremos alertar que o xenocidio non é só por vía militar, agora queren matar á xente de fame. Os alimentos están alí é Israel non deixa que se repartan".
Galiza "Marcha a Gaza"
"Antes do comezo da guerra a Faixa de Gaza xa era un campo de concentración, agora é un campo de exterminio onde queren eliminar a poboación por fame", asegura Lopes, quen lembra que "esta táctica non é nova e xa foi aplicada pola Alemaña nazi, por exemplo ,no cerco de Leningrado (Unión Soviética), durante a II Guerra Mundial". Neste punto, entende que "Galiza, como entidade política, conforme á vella idea de Castelao de célula de universalidade, ten que estar na "Marcha a Gaza" para forzar aos Gobernos do mundo a que actúen diante do xenocidio e non miren para outro lado".
"Levamos 20 meses co corazón nun puño asistindo a un xenocidio en directo", apunta Martínez, quen indica que "a situación é dunha absoluta gravidade, a poboación en Gaza atópase nunha situación límite, polo que é necesaria unha solución xa, non unha solución en cuestións de meses". Neste punto, incide que "é necesario facer visíbel a gravidade da situación e rachar o bloqueo para o que é necesario unha posición máis belixerante da comunidade internacional fronte a Israel". A este respecto, denuncia que o Estado sionista está destruíndo o sistema sanitario da Faixa de Gaza.
Martínez lembra que a "Marcha a Gaza" ten previsto confluír con outras iniciativas entre as que está a Flotilla da Liberdade. Nesta orientación, indica que "neste momento xa arrancou unha marcha terrestre en automóbil desde Tunes, onde participan tamén xentes de Estados como Marrocos e Alxeria que reclaman o mesmo que nós". Neste sentido, amósase convencido que "a explosión de solidariedade internacional con Palestina por parte dos pobos do mundo vai obrigar a Israel a mudar de posición".