A ministra de Cultura de Francia e o ex presidente de Renault-Nissan van ser xulgados por corrupción

Rachida Dati e Carlos Ghosn serán xulgados polo Tribunal Correccional por corrupción e tráfico de influencias.

fotonoticia_20250217182639_690
A minsitra francesa Rachida Dati. (Foto: Europa Press)

A actual ministra de Cultura de Francia, a dereitista Rachida Dati, e o antigo presidente da alianza Renault-Nissan, Carlos Ghosn, serán xulgados polo Tribunal Correccional por corrupción e tráfico de influencias, tal e como decidiron os xuíces instrutores do caso.

As datas do proceso coñeceranse o vindeiro mes de setembro durante unha primeira audiencia entre os avogados de ambas as dúas partes, segundo recollen medios franceses. O caso estaba baixo instrución xudicial desde 2019.

Ademais de ministra da Cultura, Dati é a alcaldesa do distrito VII de París e pretende ser candidata en 2026 ao Concello da capital gala.

Tamén procuraba presentarse ás eleccións lexislativas parciais da súa circunscrición, que acaba de quedar vacante pola inhabilitación do actual deputado.

Está acusada de delitos de corrupción e tráfico de influencias pasivos en exercicio de cargos públicos, así como os de encubrimento de abuso de poder e abuso de confianza.

Dati é unha importante figura da dereita francesa. Ademais da carteira que agora lidera, foi tamén titular de Xustiza entre 2007 e 2009, durante a presidencia de Nicolas Sarkozy, e entre 2009 e 2019 foi deputada no Parlamento Europeo. Tamén é concelleiro de París desde 2008.

Comentarios