A ministra alemá de xustiza non ve fácil que España demostre a malversación que imputa a Puigdemont

No goberno de coligazón coa CDU, o SPD leva a carteira de Xustiza. A súa responsábel, Katarina Barley, cualificou de "absolutamente correcta" a decisión do tribunal de Schleswig-Holstein  de exonerar Puigdmont do delito de rebelión. Sobre o de malversación Barley avanza que non será tan doado que se autorice a entrega do president a España.

ministra
photo_camera A ministra alemá

A decisión do tribunal de Schleswig-Holstein sobre a non extradición de Puigdemont por rebelión -ao considerar que non existiu violencia- non esgota o trámite, sendo que na euro-orde o xuíz Llarena tamén pide a entrega do político de Girona por malversación de caudais públicos, un ilícito penal que podería envolver penas de prisión até os 12 anos.

O debate, por tanto, aínda está aberto. O tribunal non se pronunciou ao respeito dese outro delito. Na cuestión terciou a ministra de Xustiza, en declaracións ao Süddeutsche Zeitung. Nelas o que vén dicer é que se as autoridades españolas -en concreto o xuíz do Supremo- tencionan continuar co proceso de extradición terán de explicar e demostrar por que acusan o president da Generalitat de malversación. "Non será doado", dixo.

"A decisión dos xuíces de Schleswig-Holstein é absolutamente correcta. Era a que eu agardaba", afirmou a ministra, e a seguir acrecentou que, no caso de o Estado español ser incapaz de fundamentar a acusación de malversación, "Puigdemont será un home libre nun país libre, e dicer, Alemaña".

Barley foi un paso alén do estritamente xudicial ao afirmar que neste caso é ben "falar tamén dos componentes políticos". Esta declaración encaixa coa realizada esta sexta feira polo portavoz do ministro de asuntos exteriores, Rainer Breul, un departamento gubernamental que tamén está en man do SPD. Breuel pediu que se formase un goberno en Catalunya para "avanzar cara unha solución política" do conflito.

Comentarios