Millares de manifestantes toman o aeroporto de Arequipa, o terceiro máis grande do Perú
Manifestantes que piden o fechamento do Congreso, a convocatoria inmediata das eleccións e a liberación do ex presidente Pedro Castillo, tomaron esta terza feira o aeroporto internacional de Arequipa en Perú, o terceiro máis grande do país, segundo confirmou o Ministerio de Transportes e Comunicacións.
Máis de 2.000 manifestantes tomaron a terminal aérea de Arequipa, a segunda cidade en importancia en Peru, e bloquearon a estrada, mentres se confirmou o fechamento do aeroporto debido a que a pista de aterraxe foi bloqueada polos manifestantes.
A empresa que xestiona o aeródromo, Aeroportos Andinos do Perú, informou que fechan as instalacións até novo aviso.
Todo o persoal foi evacuado, indicou a empresa, nun comunicado no cal confirmou que o aeroporto foi "invadido" por un grupo que "puxo en risco a seguridade dos pasaxeiros" con ataques a infraestruturas.
Represión policial
As protestas e a represión policial continúan esta segunda feira no norte e sur do país suramericano, mentres millares de manifestantes exixen a liberación do ex presidente Pedro Castillo, o fechamento do Congreso, eleccións anticipadas e unha Asemblea Constituínte que redacte unha nova Carta Magna no Perú.
No medio do clima de protestas, cando as manifestacións tomaron amplitude en varias cidades do norte e sur andino, a presidenta designada do Perú, Dina Boluarte, decretou o Estado de Emerxencia nas rexións de Apurímac, Ica e Arequipaa.
A decisión da mandataria xa fora anunciada polo ministro do Interior, César Cervantes, minutos antes de que Boluarte se dirixise ao país a través dunha canle de televisión nacional, após unha sesión de Consello de Ministras e Ministros realizada con carácter de urxencia polas mobilizacións sociais rexistradas en todo o país.