Miles de persoas volven saír á rúa a prol da independencia de Gales

A manifestación en Caernarfon, un dos concellos que aprobou en pleno unha declaración independentista, sumou máis de 8.000 participantes, segundo a organización. Na manifestación independentista de maio en Cardiff asistiran 2.000.

O independentismo galés volveu esta fin de semana á rúa e fíxoo en Caernarfon, un dos quince concellos que aprobou mocións a favor da independencia de Gales. Nesta vila de 10.000 habitantes a mobilización convocada por Yes Cymru e All Under One Banner (AUOB) reuniu 8.000 persoas, segundo a organización. Hai dous meses, en maio, na manifestación independentista convocada en Cardiff a asistencia fora de 2.000 persoas.

A marcha desta fin de semana estivo apoiada por formacións como o Plaid Cymru, Undob ou Ein Gwald. O lema, o tradicional xa nestes meses de mobilizacións: Annibyniaeth (independencia). O apoio a que Gales asuma todas as competencias e se independice vai en aumento a medida que Londres se ensarilla no Brexit, se ben a opción de marchar da UE gañou tamén (a diferenza de Escocia ou Irlanda do Norte) neste territorio.

Llywelyn ap Gwilym, portavoz da organización convocante, AUOB, recoñecía recentemente que após o resultado do referendo sobre o Brexit “intensificouse” na sociedade galesa o debate sobre o futuro do seu país. Afirmou que aumenta a idea de que os galeses e galesas estarían mellor se Gales fose unha nación independente, e explicou que con actos como a manifestación do sábado queren que se visibilice esa demanda e que se dea un debate ao redor dela.  

Nesta liña, defenden a independencia tamén como unha vía para enfrontar os recortes impostos desde Londres e garantir un estado do benestar real en Gales. Afirman que todas as décadas de goberno desde a capital británica implicou para este país recortes, pobreza e falla de investimentos. 

Cómpre lembrar que nestas semanas unha quincena de concellos galeses aprobaron mocións e declaracións de apoio á independencia.

Tradicionalmente, o apoio á independencia tiña o respaldo do 10% da poboación, unha porcentaxe que nos últimos anos se incrementou até se situar por riba de 20%.