'A metamorfose do comunismo na China', de Xulio Ríos, traducido a diferentes idiomas

A obra xa esta dispoñíbel en galego, portugués, catalán e castelán.
Á esquerda, o autor, Xulio Ríos; á dereita, o libro (Foto: Kalandraka).
photo_camera Á esquerda, o autor, Xulio Ríos; á dereita, o libro (Foto: Kalandraka).

O libro A metamorfose do comunismo na China, escrito polo presidente de honra do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) e un dos maiores expertos no xigante asiático, Xulio Ríos, xa está dispoñíbel en diferentes idiomas.

Así o confirmou o propio autor esta sexta feira a través do seu perfil de Facebook. Esta obra, editada por Kalandraka, está traducida ao castelán, o portugués —por Maria João Teixeira— e o catalán —Anna Busquets—.

Ríos define o libro como "realmente excepcional na Galiza, onde a atención aos asuntos globais é manifestamente mellorábel".

Nunha entrevista concedida a Nós Diario, o autor apuntaba a respecto da 'metamorfose' do Partido Comunista da China (PCCh): "Cando percorres 90 pasos dun camiño de cen, aínda che falta a metade do camiño".

Esta evolución, explicaba, tamén tivo consecuencias na visión teórica do PCCh. Até o último Congreso, a contradición principal que identificaba o partido na sociedade chinesa situábase entre a capacidade de produción e as demandas da sociedade.

Despois do seu XIX Congreso en 2017, no que Xi Jinping consolidou a súa posición á fronte do PCCh e da República Popular, a contradición principal pasou a estar entre a demanda social e o desenvolvemento desequilibrado.

Baseado na situación actual e nas dinámicas dentro do PCCh, Ríos considera que é probábel que Xi Jinping prorrogue o seu Goberno cando menos unha nova lexislatura, rachando coa institucionalidade creada na época de Deng Xiaoping para evitar os erros da Revolución Cultural, pero en coherencia cos perigos e os medos que identifican no último treito da vía cara a modernización do país, o que tamén leva aparellada unha menor pluralidade no seo do PCCh.

Comentarios