O conservador Merz, novo chanceler alemán logo de fracasar na primeira votación
A faciana de Friedrich Merz, candidato a chanceler da conservadora Unión –a alianza entre a Unión Demócrata Cristiá de Alemaña (CDU) e a Unión Social Cristiá de Baviera (CSU)–, conxelouse a terza feira cando a presidenta do Bundestag, Julia Klöckner (CDU), anunciou os resultados da votación secreta para a súa investidura. 310 votos a favor, 307 en contra, tres abstencións e un sufraxio nulo, con nove deputadas e deputados que optaron por non participar. A maioría absoluta está fixada en 316 apoios.
É a primeira vez na historia da República Federal de Alemaña que unha candidatura á investidura non logra a maioría absoluta na primeira votación, algo que levou a que Klöckner suspendera a sesión “para que os xefes dos grupos parlamentarios poidan efectuar consultas”.
En teoría, Merz contaba a priori con 328 asentos, os 208 cos que se fixo a Unión nos comicios do 23 de febreiro, nos que se impuxo, e os 120 do Partido Socialdemócrata, terceira forza tras a extrema dereita de Alternativa para Alemaña (AfD) e co que asinou conformar unha coalición, o que desatou as especulacións sobre a fuga de votos, na que incluso cinco representantes da Unión ou do SPD votaron en contra de Merz, posto que, fóra desas dúas forzas, o resto de grupos apenas suman 302.
Rapidamente, fontes achegadas a Merz culparon o SPD, explicando o acontecido como unha rebelión pola insatisfacción dalgunhas deputadas ou deputados coa dirección da formación, mentres que Lars Klingbeil, co presidente do SPD e vicechanceler de Merz segundo o acordo de Goberno, insistiu en que non conta con indicios de que o grupo parlamentario “non estivera plenamente comprometido”. “Poden contar con nós”, reiterou.
Con todo, a revista Der Spiegel revelou que Klingbeil “causou moitos feridos” no seo do partido á hora de deseñar a súa parte do Gabinete, e Merz, ex directivo de BlackRock, tamén protagonizou múltiples enfrontamentos internos na súa longa carreira na Unión.
O certo é que non faltou ningún membro do SPD á votación, trasladaron fontes parlamentarias á axencia DPA, e a canle Phoenix asegurou que tamén estaban presentes todas e todos os representantes da alianza conservadora.
O secretario xeral da CDU, Carsten Linnemann, confirmou que Merz volvería ser o candidato conservador nunha nova votación, incidindo en que “agardo que esta noite teñamos un chanceler que se chame Friedrich Merz”, todo isto no medio de frenéticas negociacións entre todos os grupos, agás a extrema dereita, para marcar unha data para a segunda votación.
Segunda votación
A Carta Magna determina que, de fracasar a primeira votación, a Cámara Baixa “poderá elixir un chanceler federal dentro dos 14 días seguintes”, exixindo aínda maioría absoluta, e xa na terceira votación abondaría cunha maioría simple.
Entrementres a Presidencia federal, o Bundestag e o Ministerio de Xustiza avalaron que era “constitucionalmente posíbel” desenvolver na mesma xornada a segunda votación, comunicaron desde o grupo parlamentario do SPD, a coalición debía lograr o apoio dos Verdes e da Esquerda para alcanzar os dous terzos precisos co fin de volver votar a segunda feira.
“Queremos un Goberno capaz de tomar medidas”, resolveu Franziska Brantner, co presidenta dos Verdes, antes de aseverar que a coalición debe garantir a maioría “tamén para os próximos catro anos”. Pola súa parte, Ines Schwerdtner, co líder da Esquerda, trasladou á vez que “queremos que haxa un proceso normal aquí, para que a AfD non poida presentarse como a que elixe o chanceler”, ratificando que “estamos a negociar” sobre a nova rolda de votación “coa condición de que non se fechen outros acordos coa AfD ao mesmo tempo”.
Finalmente, os conservadores agradeceron a ambas as formacións que aceptaran a proposta de adiantar a votación, que se levou a cabo pola tarde unha vez efectuada a modificación correspondente no regulamento interno da Cámara.
Nela, Merz obtivo xa a maioría absoluta que precisaba, con 325 votos a favor, 289 en contra, tres nulos e unha abstención (doce representantes non votaron), resultando elixido como novo chanceler alemán en substitución de Olaf Scholz (SPD).
No tocante á extrema dereita, a co presidenta de AfD, Alice Weidel, subliñou após a primeira votación que “Merz debería dimitir e deberíase preparar o camiño para as eleccións xerais”, e indicou que o fracaso na primeira rolda “demostra a fraxilidade da pequena coalición formada pola CDU/CSU e o SPD, que foi destituída polos votantes”.
A pasada semana, a Intelixencia interior ditaminou que a formación é de extrema dereita, atenta contra a orde constitucional do país e menospreza a dignidade humana, abrindo a porta á súa prohibición, xusto despois de que a finais de xaneiro Merz rachara o cordón sanitario á ultradereita no Bundestag, que aprobou por primeira vez unha moción apoiada por AfD, que foi presentada pola Unión para demandar o endurecemento das políticas migratorias.
O DAX alemán marca números vermellos
O DAX, o principal indicador bolsista alemán, reaccionou ao fracaso de Merz na primeira votación no Bundestag con caídas por riba de 2%, o peor resultado a esa hora das principais bolsas do continente europeo, que se foron moderando ao longo da xornada ao constatarse que habería unha segunda votación, froito da incerteza desatada nun país que se gaba da súa previsibilidade, que leva dous anos sumido nunha recesión e no que a contorna de Donald Trump, presidente do seu principal aliado, os Estados Unidos, apoiou a ultradereita nas eleccións federais.
Neste contexto, un dos maiores temores no país é unha falla sistémica das súas estruturas federais, algo do que se fixo eco após a primeira votación o primeiro ministro de Baviera e líder da CSU, Markus Söder, que advertiu que “os comentarios burlóns da AfD amosan exactamente o que isto desencadea”, remarcando que o “perigo do fracaso deste proceso estábel e democrático pode ser, en última instancia, un presaxio de Weimar, porque as consecuencias son imprevisíbeis”.
A denominada República de Weimar foi o réxime político de Alemaña entre 1918, tras a fin da Primeira Guerra Mundial, e 1933, cando a ultradereita chegou ao poder e instaurou o Terceiro Reicht.