Meritxell Serret

Meritxell Serret: "A sentenza do procés ameaza as liberdades da cidadanía"

Meritxell Serret (Vallfogona de Balaguer, 1975) é a delegada da Generalitat de Catalunya ante a Unión Europea. Chegou a Bruxelas hai máis de dous anos, logo de tomar a determinación compartida con outros políticos e activistas cataláns como Toni Comín, Clara Ponsatí ou o president Carles Puigdemont de exiliarse para evitar a represión do Estado español logo do referendo de independencia do 1 de outubro. Até o seu cese, a consecuencia da aplicación do artigo 155 da Constitución Española, dirixía a Consellaría de Agricultura da Generalitat, sendo a primeira muller na centenaria historia da institución en ocupar ese cargo. Após case dous anos dos sucesos que cambiaron para sempre a súa vida, recibe Sermos Galiza no seu despacho en Bruxelas unha muller amábel, de falar pausado e que irradia tranquilidade no trato humano. Eis un estrato da entrevista publicada no número 375 do Sermos Galiza.

Transcorridos dous anos no exilio, leva boa parte dese tempo exercendo como delegada do Govern ante a UE. Cal é a súa función á fronte desta Delegación?

Desde esta Delegación achéganse ao máximo as institucións europeas a Catalunya e viceversa, para ser un socio activo e atractivo neste proxecto de construción europea. Persoalmente estou moi agradecida de que me ofrecesen este posto, é unha praza que me axuda moito a soportar a situación de exilio.

Contribúe esta tarefa para normalizar, polo menos un pouco, unha situación tan anómala como a que vive?

Máis que a normalizar, axuda a soportar, porque normal non é. E, evidentemente, na miña situación de delegada hai situacións nas cales esa anormalidade é máis evidente, como que a representación permanente española ou a propia embaixada non recoñezan o meu nomeamento e non se dirixan a min, o que dá lugar a situacións un pouco raras.

Vostede traballa cara á Unión Europea, como é a relación coas institucións comunitarias?

Por unha banda, hai unha relación fluída e permanente entre a Generalitat e a sociedade catalá con, como digo eu, “as cociñas da Comisión”, en diferentes ámbitos sectoriais como innovación, políticas marítimas ou agrícolas, temas sociais… Mais cando saltas á esfera política xa é outro cantar. Aí persiste ese bloqueo.

Tras a sentenza do procés existe a posibilidade de que se vostede volve a Catalunya non sexa detida polas forzas españolas, xa que a súa acusación é de desobediencia. Ese punto facilita que considere volver do exilio?

A miña situación persoal xurídica agora mesmo está nunha especie de limbo. A Fiscalía dixo no seu día aos medios de comunicación que non expediría unha euroorde contra min, mais á vez a miña situación xudicial alí ‑no Estado español‑ persiste, co cal hai unha orde de arresto por malversación e desobediencia que fai moi probábel que fose arrestada e posta en prisión.

Como é a vida persoal dun ser humano que non pode volver á súa terra?

Se algo xera esta situación é incerteza, xa non se fan plans vitais. Todo foi tan precipitado… Mais co tempo aprendes a vivir día a día, a non xerar expectativas, nin para ti mesmo nin para as persoas que te queren. Só queda xestionalo con moita prudencia e moita cautela, porque xerar expectativas implica xerar dor e frustracións.

Exiliadas doutros conflitos comentaron o importante que é para elas crear unha comunidade coa que compartir problemas e inquedanzas no seu novo país. Mantén relación con outras persoas na súa situación ou cada un ten os seus propios asuntos particulares?

Montamos a rede das exiliadas e os exiliados cataláns, e tentamos apoiarnos ao máximo. E é certo que necesitas ese apoio da túa comunidade, mais creo que tamén é importante que cada quen consiga o seu propio desenvolvemento persoal atopando o equilibrio entre a contorna e esta rede de compañeirismo, porque ao final a represión o que tenta é sempre anularte, e hai que darlle a volta.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 375 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]