Mensaxes entre os xefes de Interior mostran as manobras do PP contra o independentismo e Podemos

Jorge Fernández Díaz, Eugenio Pino e outros membros da cúpula de interior de Raxoi. (Foto: Europa Press)

O número dous do Ministerio de Interior español, Francisco Martínez, secretario de Seguridade do Estado español, e o máximo xefe da Policía, Eugenio Pino, intercambiaron centos de whatsapp entre 2015 e 2019 co obxectivo de difamar o independentismo e a Podemos con informacións falsas filtradas aos medios.

“Eugenio, hai que estar enriba do de hoxe para facer moito ruído... Moita posta en escena da UIP, etc. Que Fiti vaia avisándote”. “Mañá a prensa catalá vai a por todas. O xuíz cabrearase. Que non nos pille por sorpresa”.

Estas foron mensaxes que Martínez dirixiu a Pino na primeira hora da mañá do 27 de outubro de 2015, cando a Audiencia Nacional ordenara á Policía rexistrar 15 domicilios e empresas da familia do ex presidente catalán Jordi Pujol.

As mensaxes, filtradas polo diario español El País esta terza feira, foron incorporadas ao sumario do caso Kitchen, sobre o operativo policial para espiar o ex tesoureiro Luis Bárcenas e ocultar as probas de financiamento ilegal do PP.

Entre outras manobras, trataron de atopar contas en Suíza de Convergència e de Xavier Trias e aproveitaron un desaloxamento de okupas en Barcelona para cargar contra Trias: “Interesa mover moito isto dos okupas en Barcelona... especialmente o aluguer que lles pagaba Trias cando era alcalde. Quen nos pode enviar unha copia rápida ao respecto? E sobre okupas e Colau. Pedinlle a Enrique tamén”, escribiulle en maio de 2016 o secretario de Seguridade, nomeado polo Goberno do PP, ao entón xefe da Policía española.

“Non te preocupes, agora mesmo me poño (...) Xa estiven co notario. Irá denunciar ás 19 e ofrecémoslle un varrido e un contacto”, responde o xefe da Policía. “Todo o que teñamos de anarquismo é interesante... e de okupas”, retruca o secretario de Seguridade.

As mensaxes filtradas de xefes do Interior e de mandos policiais entre 2015 e 2019 poñen de manifesto a estratexia do Ministerio, na época en que gobernaba Mariano Raxoi, para investigar Podemos e o independentismo. Unha investigación que, na meirande parte dos casos, levábase a cabo sen respaldo xudicial.

Irán, Venezuela e Podemos

En relación a Podemos, uns días despois das eleccións nas que o partido morado obtivo 69 escanos, difundiuse un informe non atribuído á Policía pero que, segundo as mensaxes filtradas, distribuíuse desde o Ministerio do Interior.O citado documento sinalaba que o Goberno do Irán financiara da carreira política de Pablo Iglesias. Pino apuntaba entón: “É necesario, segundo as nosas fontes, que se ha de darse á prensa, por interese da oposición venezolana, que sexa a El Mundo ou El País e por unha plataforma mediática e televisiva. Esíxeno para seguir colaborando”. Martínez responde: “Por iso non haberá problema ningún. Descoida. A cuestión é que teño que despachar o asunto con calma co ministro”.

“Xefe, están ofrecéndome a conta de Errejón. Pero coa condición falada, que saia nun dos xornais”, dille o xefe da Policía ao secretario de Seguridade noutra conversa. Este último contesta: “Iso non será un problema”. Dous días despois, Pino escribe a Martínez, “As probas realizadas no lugar —Prisa— deron resultado negativo”.