Medran as peticións de dimisión de Macron entre os seus aliados
Despois de que a raíz da dimisión do primeiro ministro Sébastien Lecornu no seo da conservadora Os Republicanos (LR), aliada do presidente liberal-conservador Emmanuel Macron (Renacemento), se abrira a porta a pedir a dimisión do mandatario, o ex primeiro ministro Édouard Phillipe apuntou a terza feira cara a esa vía, nun forte golpe á liña de flotación do macronismo.
Philippe, líder do partido conservador Horizontes, integrado na coalición Xuntos liderada por Macron, foi non só o primeiro primeiro ministro da súa etapa, senón o que máis tempo estivo no cargo, máis de tres anos.
Pola contra, tras menos dun mes Lecornu converteuse no sétimo líder do Executivo caído con el, o quinto desde comezos de 2024 e o terceiro en menos dun ano.
“Ten que tomar unha iniciativa que lle honraría, nomear un Goberno que aprobe un orzamento, convocar eleccións presidenciais anticipadas, é dicir, que marche inmediatamente despois”, asegurou o que xa se perfila como un dos candidatos a substituír Macron.
Até o de agora, apenas a extrema dereita de Reagrupamento Nacional (RN) e a progresista A Francia Insubmisa (LFI) defendían a convocatoria de comicios presidenciais.
Poucas horas antes, o primeiro ministro entre xaneiro e setembro de 2024 e secretario xeral de Renacemento, Gabriel Attal, chegou a afirmar que “xa non entendo as decisións que toma”, mais rexeitou a dimisión do presidente, cuxo mandato expira en 2027.
Lecornu, que actúa en funcións, deu inicio a terza feira a unha rolda de reunións coas forzas políticas con representación, unha vez que Macron lle solicitou tras renunciar que realizase conversas “para definir unha plataforma de acción e estabilidade”, coa noite da cuarta como límite.
En tanto, as forzas progresistas que se aliaron na Nova Fronte Popular (NFP), que se impuxo nas lexislativas de 2024 mais sen maioría absoluta, seguen a explicitar a súa división, e o Partido Socialista (PS) e o Partido Comunista Francés (PCF) rexeitaron acudir á xuntanza convocada para a terza polos Verdes como reacción á presenza de LFI, que estivo canda outras forzas minoritarias.
O secretario nacional do PCF, Fabien Roussel, defendeu que mentres apostan xunto aos Verdes e ao PS polo nomeamento dun Executivo progresista LFI só aspira á dimisión ou a destitución de Macron.
RN, que se negou a reunirse con Lecornu, lanzou unha proposta a LR para un “acordo de Goberno” no caso de que non obteña maioría absoluta nunhas hipotéticas eleccións parlamentarias adiantadas que reclaman xa boa parte dos partidos.