sábado 27/11/21

O Mediterráneo volve ser porta de entrada para persoas refuxiadas

Dúas embarcacións procedentes de Exipto sitúan a Canle de Sicilia como nova rota tamén para persoas sirias. Desde 2014 morreron nestas augas 10 persoas ao día tentando chegar ás costas europeas. 

Garda Costeira Italiana
[Imaxe da Garda Costeira Italiana]

A Garda Costeira italiana informou na quinta feira (12 de maio) do resgate de 801 persoas ao sur de Sicilia. De entre elas, 342 eran de nacionalidade siria o que evidencia a abertura de novas rotas desde o norte de África, principalmente Libia, por parte das mafias que se están a lucrar coa necesidade das persoas que procuran asilo político na UE fuxindo dos conflitos armados e a fame. 

Após bloquearen as autoridades comunitarias a denominada rota dos Balcáns, todo evidenciaba á abertura de novas vías de acceso, máis perigosas, através do Mediterráneo con dirección ás illas Italianas. De facto, os dados fornecidos pola Organización Internacional para as Migracións (OIM) así o reflicten amosando un aumento do número de chegadas a territorio italiano en relación ás cifras de 2015. 

Na última semana chegaron ás costas italianas 2.513 persoas

Na última semana foron 2.513 persoas, o 74% máis que a semana anterior e, de acordo coa información difundida pola televisión e radio públicas de Italia na sexta feira (13 de maio) terían sido resgatadas outras 998 procedentes de Libia que a piques estiveron de afundir perto de Lampedusa. No que vai de ano, a cifra elévase a 31.141, o 20% do total das que chegaron en todo o 2015 á costa de Italia. Delas, 1.782 terían falecido ou desaparecido. 

"Había moito tempo que non vía chegar sirios a Italia vía mar e menos aínda tan numerosos", sinalou  Carlotta Sami, voceira de ACNUR no sur de Europa en declaracións recollidas pola Axencia EFE. 

Perante este incremento do número de chegadas Médicos Sen Fronteiras (MSF) reactivou a súa operación de resgate marítimo pois para alén de Libia, Exipto podería comezar a se tornar nun porto de saída cara á UE. 

Había moito tempo que non vía chegar sirios a Italia vía mar e menos aínda tan numerosos, din desde ACNUR

De facto, este contexto está a facer xermolar a posibilidade de ampliar o acordo asinado pola UE con Turquía a Libia. Así o propuxo o ministro de Interior italiano, Angelino Alfano, en abril deste ano. "O modelo de acordo entre a UE e Turquía pode ser utilizado cando se dean as condicións para iso". 

Así as cousas, a situación política na que se atopa o país norte-africano após a intervención militar internacional en 2011, cun goberno que non exerce control efectivo sobre a poboación e o territorio, dificultaría a efectividade no caso de se produciren deportacións colectivas como as que atinxen Turquía desde o 20 de marzo. 

O Mediterráneo volve ser porta de entrada para persoas refuxiadas
comentarios