Más Madrid desbota presentarse nunha candidatura conxunta con Iglesias
A formación de Iñigo Errejón rexeita a proposta de Pablo Iglesias de concorrer conxuntamente ás próximas eleccións en Madrid.
N mañá desta segunda feira a líder de Más Madrid, Mónica García, comunicou a negativa de presentarse nunha lista única con Unidas Podemos, preferindo concorrer os tres partidos de esquerda (Más Madrid, Podemos e PSOE) por separado ás eleccións do catro de maio
A intención de Pablo Iglesias de unir forzas con Más Madrid coa fin de gañarlle as eleccións a actual presidenta Isabel Díaz Ayuso non resultou como Iglesias esperaba. Durante a entrevista de onte no programa de El Intermedio, o ex vicepresidente expuxo que estaría totalmente disposto a ir de número dous de Mónica García se así o desexaban os e as inscritas, pero a resposta da propia García desta mañá non foi a que esperaba Unidas Podemos.
Desde Más Madrid manifestan a súa actitude proactiva de cooperación e diálogo entre os partidos de esquerdas aínda que se presenten de forma separada
A líder de Más Madrid defendeu a decisión do partido argumentando nun vídeo difundido aos medios de comunicación que “as mulleres estamos cansas de facer o traballo suxo” e de “ter que apartarnos nos momentos históricos” ; tamén mostrou a súa ilusión por ser a presidenta da Comunidade de Madrid afirmando que ten “moi boas ideas e moito traballo ás costas”.
A deputada de Más Madrid, Inés Sabanés, publicaba esta mañá no seu Twitter que a clave é presentar tres candidaturas fortes, pois, segundo Sabanés, poden mobilizar máis xente e, á vez, garantir mellores resultados.
Man tendida
Desde Más Madrid manifestan a súa actitude proactiva de cooperación e diálogo entre os partidos de esquerdas aínda que se presenten de forma separada e, desta forma, facilitar tamén a conformación de Goberno despois das eleccións.
O que resulta evidente é que o obxectivo común de Unidas Podemos e Más Madrid é “botar a Ayuso”, como asegura García, pero sempre con “cooperación, colaboración e diálogo”.