Marrocos forza unha crise migratoria

Tanques blindados do Exército español na praia do Tarajal. (Foto: Antonio Sempere / Europa Press)
O Goberno de Pedro Sánchez mobiliza o Exército español en Ceuta para controlar unha crise migratoria provocada por Marrocos en represalia a atención hospitalaria en Logroño do líder do Fronte Polisario.

Nunha praia con tanques blindados e con varios destacamentos do Exército español, militares golpearon algunhas das persoas que chegaban a Ceuta procedentes de Marrocos, ao longo do día de hoxe, que xunto ás que accederon na segunda feira suman máis de 8.000, segundo a aproximación comunicada polo ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska. Informouse dun falecemento.

Son menores de idade unha cuarta parte das e dos migrantes que chegaron nadando á praia do Tarajal, na que un espigón marca a fronteira do Estado español co país alauita, e que están sendo expulsados a Marrocos sen respectar o proceso xudicial e sen avisar a asistencia xurídica, como sinalou o Colexio de Avogados de Ceuta. Marlaska defendeuse afirmando que serán atendidos “conforme a lei e os tratados internacionais”.

Ao mediodía de hoxe, Marlaska confirmou que expulsaran 2.700 persoas procedentes de distintos Estados africanos, mentres Pedro Sánchez, presidente do Executivo, se comprometeu nunha declaración pública a “restabelecer a orde en Ceuta” e a expulsar a todas as persoas que entraron na cidade norteafricana sen proceso xudicial, xustificándoo nos acordos de migración que ten asinado o Estado con Marrocos.

As imaxes de centos de cabezas emerxendo da auga, nalgúns casos familias enteiras, outras persoas xa subidas ao espigón e algunhas tentando buscar a saída nunha praia valada repetíronse ao longo do día mentres efectivos do Exército agredían con porras algunhas das persoas pasaban polo medio ou que trataban de descansar, nun espazo que só contaba cunha saída dirixida a un recinto fechado dentro da Dirección Xeral da Garda Civil na cidade.

Para evitar as consecuencias legais pola súa actuación, a Asociación Unificada de Militares Españois chegou a pedir que se lle forneza das “máximas garantías xurídicas”.

As primeiras persoas comezaron a chegar desde Marrocos na madrugada do domingo, e fóronse incrementando mentres pasaban as horas, até o punto de que a Garda Civil deixou de intervir, ao non ter capacidade para enfrontarse ao número de migrantes que conseguiron entrar en Ceuta, 5.000 nese día, segundo informaron fontes oficiais.

Isto levou a que na madrugada da segunda feira se ordenara a despregadura do Exército na cidade autónoma, o territorio do Estado con máis densidade de militares, 3.300 efectivos, sobre todo do Exército de Terra, nunha cidade de 85.000 habitantes.

Conflito Marrocos-Sáhara Occidental

Esta chegada de persoas foi produto do abandono da Policía marroquí nos controis fronteirizos con Ceuta, en represalia pola decisión do Estado de atender no quinto mes despois da ruptura do alto ao fogo o líder do Fronte Polisario, Brahim Ghali, no hospital San Pedro de Logroño, por unha urxencia médica.

Este feito foi confirmado por Karima Benyaich, embaixadora de Marrocos no Estado español, ao sinalar onte que hai “actitudes que non se poden aceptar”, e que, polo tanto, as consecuencias “téñense que asumir”.

Isto contrasta coa resposta de Pedro Sánchez, que cualificou Marrocos como “país amigo co que compartimos obxectivos estratéxicos”, pouco antes de saír cara a Ceuta.

A política de paz con Marrocos do Estado e da Unión Europea está baseada na represión das persoas migrantes africanas que aplica o Reino alauita para evitar que cheguen a Europa, polo que ten carta verde para violar os dereitos humanos no seu territorio e no Sáhara Occidental, a pesar de que para a ONU o Estado español segue a ser o responsábel do proceso de descolonización do Sáhara Occidental.