Marlaska apunta que a "minoría violenta" que golpeou Sánchez estaba organizada e confía en que axiña sexa identificada
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, confiou esta segunda en que a Garda Civil identifique pronto a "minoría violenta" que golpeou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e lanzou obxectos e barro contra a comitiva de autoridades encabezada polos reis en Paiporta (València). Ao seu xuízo, existía un "mínimo de organización" entre os que protagonizaron os altercados.
Marlaska precisou, nunha entrevista en TVE recollida por Europa Press, que da investigación fíxose cargo a Xefatura de Información da Garda Civil, que "está a investigar desde o minuto un" e "dunha forma determinante".
"Esperemos que en próximas horas ou en próximos días teñamos polo menos un avance significativo da investigación, onde se poidan concretar non só as persoas intervenientes senón tamén as circunstancias", sinalou, antes de confirmar que Sánchez "recibiu un golpe" durante a visita o domingo á localidade valenciana, unha das maiores afectadas pola DINA.
Preguntado se cre que os violentos estaban organizados, Marlaska pediu deixar que a investigación determine as circunstancias, aínda que deduce que "da forma en que todo se desenvolveu e desde un primeiro momento, cando acceden xa ás rúas, razoabelmente polo menos un mínimo de organización existía", apostilou, aínda que evitou sinalar grupos de ultradereita.
Casa Real levaba o operativo
O ministro explicou que o dispositivo de seguridade foi deseñado e desenvolto por Casa Real, "como todos os relativos aos actos dos reis", que pode pedir reforzos cando os necesita ás forzas e corpos de seguridade do Estado.
Sobre por que se acordou evacuar o presidente do Goberno, Marlaska contestou que "por razóns obvias de seguridade" e non a petición propia de Sánchez, senón que "o decide o seu grupo de seguridade, porque había un risco real e evidente", dado que "mesmo xa recibira un golpe que está totalmente obxetivado".
"Son razóns absolutas de seguridade que lle corresponde tomalas ao seu equipo de seguridade. O seu equipo de seguridade, e hei de recoñecer o traballo, actuou dunha forma absolutamente dilixente e profesional", destacou.
Detallou que a evacuación da comitiva en Paiporta foi "moi difícil", tal e como "todo o mundo puido observar ou comprobar", pero que grazas á "profesionalidade" de todo o sistema de seguridade despregado pola Casa Real, xunto cos servizos de apoio da Garda Civil, "evitaron" que eses sucesos "absolutamente condenábeis de violentos marxinais" terminasen en "peores consecuencias".
Condena a violencia
O ministro condenou de forma "taxativa e expresa" eses "actos violentos". Recalcou que os incidentes foron executados por persoas e grupos "moi marxinais" e que "evidentemente" a maioría das persoas que se concentraron ao redor da visita son persoas "absolutamente pacíficas que o perderon todo". "A súa rabia comprendémola todos", asegurou.
"Respecto, como non pode ser doutra forma, a fatiga e a ira de moitos dos prexudicados, de moitas das vítimas, ante unha situación de gran impotencia que viviron [...] Pero, evidentemente, isto con condena deses grupos marxinais de violentos", declarou Marlaska.
Así mesmo, expresou que estas minorías non van desvialos "un milímetro" do seu obxectivo, que é protexer as vítimas, buscar aos desaparecidos e proceder á reconstrución dunha "normalidade perdida" que "nunca vai ser a mesma" para quen sufriu a perda de seres queridos.
Solidariedade coas vítimas
Por último, respecto ás opinións sobre que quizá a visita non se produciu no momento adecuado debido á situación que se está vivindo en Paiporta e noutros municipios da 'zona cero' da DINA, Marlaska trasladou que é "obvio" que os reis "querían e pretendían" coa súa chegada "manifestar a súa solidariedade" co conxunto das vítimas desta "terríbel traxedia".
E sobre que o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, non condenase a agresión a Sánchez, o ministro dixo que lle "preocupa", porque "todo dirixente político, o xefe da oposición neste caso, non pode nunha democracia, nin directa nin indirectamente, nin explícita nin implicitamente, avalar condutas violentas".

