"Marchou matando de novo os mortos e as súas familias": As vítimas da DINA reaccionan ao discurso de Carlos Mazón
As asociacións de vítimas lamentan o discurso do ex presidente valenciano, que consideran unha autodefensa sen autocrítica, e reivindican que continuarán loitando pola "verdade, a xustiza e a reparación".
O discurso de despedida de Carlos Mazón, no que anunciou que deixaba de ser presidente da Generalitat Valenciana tras a polémica pola xestión da DINA, xerou unha fonda indignación entre as asociacións de vítimas. As e os familiares acusan o dirixente popular de facer unha defensa persoal e de non asumir en ningún momento a súa responsabilidade política nin moral.
"Foi un discurso para lavar a súa imaxe. Culpar cara arriba e cara abaixo non é digno dunha declaración institucional", afirmou Mariló Gradolí, presidenta da Asociació Víctimes DANA 29 d’octubre. Segundo ela, Mazón apenas citou as vítimas "uns segundos, de forma obrigada", e non expresou unha autocrítica real: "limitouse a repetir que algunhas cousas non as fixo ben".
Tamén Rosa Álvarez, presidenta da Associació de Víctimes Mortals, cualificou o discurso de "indignante e cruel": "Foi unha intervención ao nivel do personaxe. Marchou matando de novo os mortos e as súas familias, intentando repartir culpas e poñéndose ás costas da ciencia e das evidencias”, asegurou.
Ambas coinciden en que Mazón non dimitiu por vontade propia, senón pola presión social. "Foi a xente quen o fixo marchar: as familias das vítimas, as persoas que nos apoiaron nas manifestacións, e a cidadanía valenciana que reclamou responsabilidades", sosteñen.
"Queremos que vaia ao cárcere"
Para as asociacións, o paso de Mazón supón un primeiro recoñecemento de responsabilidade política, mais subliñan que aínda falta a xudicial. Gradolí lembrou que o obxectivo das vítimas é alcanzar "verdade, xustiza e reparación": "A verdade aínda non a sabemos. A xustiza comezou cunha dimisión que el non quería, pero continuaremos até o final", advertiu.
Rosa Álvarez, pola súa parte, insistiu en que o ex presidente "non foi inxenuo nin manipulado", e que a súa organización seguirá exixindo condenas penais:
"Queremos que Mazón vaia ao cárcere. A ninguén das familias se lle pagou por chamarlle asasino; o que fixemos foi pedir xustiza por quen morreu pola súa neglixencia, por dar as costas á ciencia e mercantilizar o tempo de Todos os Santos", concluíu.
