Marchena renuncia ao CXPX e garante a maioría conservadora no tribunal do 'procés'

Após trascender un whatsapp en que o portavoz do PP no Senado se felicitaba de que o seu partido iría controlar o Supremo co nomeamento de Manuel Marchena, o maxistrado acaba de facer pública a súa renuncia a presidir o Consello Xeral do Poder Xudicial. Naufraga así o pacto PP-PSOE —apoiado por Podemos— de reparto de postos no máximo órgao das e dos xuíces no estado. O paso atrás de Marchena implica que se manterá, en principio, como titular da sala que vai xulgar os líderes independentistas catalás presos.

marchena
photo_camera Manuel Marchena [Foto: Vilaweb]

Unha comunicación interna do PP en que un alto cargo deste partido se gababa do control que a súa formación exercería no Supremo ao se consumar o nomeamento de Manuel Marchena como presidente do CXPX levou a este a formalizar a súa renuncia ao cargo.

As implicacións desta decisión son moi graves. En primeiro lugar, salta polos aires o pacto PP-PSOE, respaldado por Podemos, para se repartir os postos da cúpula xudicial. En virtude do acordo, do que só se excluíu Ciudadanos, habería unha maioría progresista no órgao (11 —4 deles a proposta de Podemos— face 9 conservadores) e, en troca, un maxistrado da órbita do PP, Manuel Marchena, accedía á presidencia.

Ese pacto é xa historia. Esta mesma terza feira portavoces do PP considerábano roto e abrían a billa a un hipotético bloqueo na renovación do CXPX.

A outra secuela da decisión de Marchena é que este se vai manter na sala do Supremo que vai xulgar o procés. Isto significa que non se vai ver alterada a composición do tribunal —Marchena ía ser substituído por unha maxistrada progresista—, o que vai garantir unha maioría conservadora no seu seo. Destarte, cobra máis forza a hipótese dunha sentenza dura —que inclúa o delito de rebelión— contra os presos políticos cataláns.

Comentarios