Manifestantes toman a residencia presidencial de Sri Lanka
Centos de manifestantes entraron este sábado na residencia oficial do presidente de Sri Lanka en Colombo, Gotabaya Rajapaksa, durante unha xornada de protestas masivas para esixir a dimisión do presidente pola súa xestión da crise económica.
Segundo a prensa local, os manifestantes crebaron o perímetro de seguridade que rodeaba a residencia oficial de Rajapaksa. A Policía recorreu aos gases lacrimóxenos para evitar a intrusión, aínda que o presidente abandonara previamente a zona.
Fontes do Ministerio de Defensa declararon que o presidente Gotabaya Rajapaksa foi evacuado das instalacións oficiais na sexta feira para asegurar a súa seguridade antes da manifestación prevista para a fin de semana.
Miles de persoas concentráronse en Colombo para conmemorar o terceiro mes de continuas protestas que esixen a dimisión de Rajapaksa pola súa xestión da crise económica.
O país está en bancarrota, nunha situación económica e social moi grave.
A pesar da escaseza de combustíbel que paralizou os servizos de transporte, os manifestantes embarcaron en autobuses, trens e camións desde varias partes do país para chegar a Colombo para protestar pola incapacidade do goberno de protexelos da ruína económica.
As protestas comezaron en marzo, cando as autoridades impuxeron cortes de luz de máis de 13 horas diarias.
O descontento empeorou nas últimas semanas a medida que o país, con graves dificultades económicas, deixou de recibir envíos de combustíbel, forzando o peche das escolas e o racionamento de gasolina e gasóleo para servizos esenciais.