Máis de 57.000 persoas seguen bloqueadas nas fronteiras gregas
Os últimos dados da ACNUR cifra en 57.000 o número de vidas bloqueadas en territorio grego. Estas persoas moran nos campos creados polo Goberno grego para as atender. As queixas sobre as condicións destes campos multiplícanse nos últimos días.
O balanzo máis actual do que dá conta a ACNUR cifra en 57.000 as persoas que se atopan bloqueadas nas fronteiras gregas e que viven nos campos de asistencia creados polo Goberno de Alexis Tsipras para as atender. Precisamente estes campos foron punto de crítica nos últimos días. As queixas sobre as condicións de vida nestes lugares provocou un protesto en Malaska (norte de Atenas) no que participaron 1.300 persoas.
Estas 57.000 persoas ficaron atrapadas nas fronteiras de Grecia porque chegaron xusto despois de que Macedonia decidira fechar a coñecida como ruta dos Balcáns e xusto antes de que a UE asinara o tratado con Turquía que dá luz verde ás deportacións. Moran nos 48 campos de asistencia creados polo Goberno grego e proceden dos campos do Pireo, Elinikón e Idomeni. A ACNUR estima que a cifra aumente cando terminen de evacuar estes tres campos.
Os Gobernos da UE seguen a incumprir os seus compromisos e tan só realoxaron o 1% das 160.000 refuxiadas que se comprometeran a recolocar
Polo de agora, os Gobernos da UE seguen a incumprir os seus compromisos e tan só realoxaron o 1% das 160.000 refuxiadas que se comprometeran a recolocar. Namentres, segundo dados da ACNUR, unhas 18 persoas morren ao día no Mediterráneo no seu intento de pisar terra europea. Segundo a axencia da ONU, desde 2014 faleceron xa 10.000 refuxiadas.
670 millóns de dólares
“As necesidades sen satisfacer seguen a ser significativas, xa que as condicións de vida nos campos de Grecia, nas illas e na parte continental, deterioráronse como consecuencia da conxestión e a rapidez coa que os campos foron estabelecidos na área continental”, afirma o boletín da ACNUR.
O número de nenos e nenas entre as refuxiadas aumentou e no 2016 chegou ao 38% de todas as persoas que chegan a Grecia
O caso máis grave é o que atinxe as crianzas. O número de nenos e nenas entre as refuxiadas aumentou e no 2016 chegou ao 38% de todas as persoas que chegan a Grecia. Nos primeiros meses de 2016 chegaron por mar 200.000 persoas.