No que vai de ano

Máis de 1.500 refuxiadas e migrantes morreron no Mediterráneo

A ACNUR sinala que máis de 1.500 persoas refuxiadas e migrantes perderon a vida tratando de cruzar o mar Mediterráneo nos primeiros meses do ano. Só en xuño e xullo morreron máis de 850 persoas.

DjseeM6UcAE-Zq3
photo_camera [Imaxe: ACNUR]

O cruce do mar Mediterráneo é xa a vía marítima máis letal do mundo. Aínda que o número total de persoas que chegan á costa europea é menor de comparármolo cos anos anteriores, a taxa de mortalidade é máis preocupante. Segundo a ACNUR, máis de 1.500 refuxiadas e migrantes perderon a vida tratando de cruzar o mar no que vai de ano, máis de 850 só en xuño e xullo.

A axencia da ONU calcula que son perto de 60.000 as persoas que cruzaron o Mediterráneo no que vai de ano, a metade do ano pasado. Porén, 1 de cada 31 persoas que trataron de facelo faleceu ou resultou desaparecida. O ano pasado fora 1 de cada 49.

Neste contexto, a ACNUR insta os Estados afectados a tomar as medidas necesarios para desmantelar e interromper as redes de contrabando, “para salvar vidas no mar, debemos tomar medidas axeitadas para responsabilizar aqueles que buscan sacar proveito da explotación de seres humanos vulnerábeis”, afirma Vicent Cochetel, enviado da axencia da ONU para o Mediterráneo.

A ACNUR teme que as redes de tráfico de persoas organicen cruces máis perigosos en buques máis fráxiles. Estes botes, cargados en exceso, déixanse no mar coa esperanza de que chegue un resgate a tempo, sinala a axencia.

O Estado español, o destino

O Estado español, que recibiu máis de 23.500 persoas por mar, desbanca Italia (18.500 persoas) como principal destino. A continuación, con 16.000, atópase Grecia. A meirande parte destas persoas –quen foxe de Siria representa aproximadamente o 13,5% de todas as persoas que chegan por mar– son devoltas aos seus países de orixe.

Nos últimos meses, impuxéronse restricións legais e loxísticas ás embarcacións das ONG que buscaban resgatar persoas en perigo no mar. De feito, varios barcos resgatados ficaron varados no mar durante días tras negárselles a posibilidade de desembarcar. A ACNUR volve reiterar o seu chamamento á comunidade internacional para que aborde as causas do desprazamento que leva as persoas a abandonar os seus países e que as obriga a emprender viaxes cada vez máis perigosas.

Comentarios